InicioEconomíaO comité acepta a proposta institucional e só falta o si de...

O comité acepta a proposta institucional e só falta o si de Alcoa para ampliar o período de consultas

Os sindicatos valoran “a mediación” das Administracións, cuxa suxestión para abordar en seis semanas unha venda a Liberty sen asinar antes a parada de cubas “é similar” á que formularon

Publicada o

- Advertisement -
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao anunciou este mércores que na reunión prevista para o vindeiro xoves (Santiago de Compostela, 11.00 horas), na que sindicatos e dirección da multinacional retomarán o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado en aluminio, aceptará a proposta de Goberno central e Xunta de Galicia para que a compañía suspenda o proceso do despedimento colectivo a fin de negociar durante seis semanas, ata o 27 de setembro inclusive, unha venda da fábrica a Liberty House/GFG Alliance.

O XOVES RETOMARANSE AS NEGOCIACIÓNS

Os sindicatos lembran que a proposta que ten Alcoa enriba da mesa, e sobre a que a multinacional non se pronunciou polo de agora, “non difire substancialmente da realizada polo comité de empresa na última reunión do proceso de despedimento colectivo”. Isto é, estender en seis semanas o período de consultas do expediente de regulación de emprego, durante o que Alcoa debe iniciar un proceso de compra-venda en exclusiva con Alliance GFG, mantendo a actividade industrial na planta de San Cibrao; informar regularmente a todos os actores da evolución da negociación a través dunha mesa industrial (Xunta, Ministerio de Industria, sindicatos e comité); de non concretarse o acordo de compra-venda, daríase continuidade ao período de consultas iniciado, retomando a senda do diálogo e a negociación.

ESTIMAN A VONTADE DE “TRABALLAR CONXUNTAMENTE” PARA UN ACORDO DE COMPRA-VENDA

A representación dos traballadores do complexo industrial de Alcoa valora “a mediación” realizada polas Administracións no proceso de despedimento colectivo, que a multinacional dera por finalizado alegando “temer” pola “integridade física” dos seus delegados, despois de que as furgonetas nas que se desprazaban fosen recibidas co lanzamento de ovos por parte dalgúns traballadores. A proposta realizada, sinala o comité, é froito dunha vontade “de todas as partes para traballar conxuntamente para alcanzar un acordo de compra-venda”.

AGRADECEMENTO A “QUENES APOIARON” NA LOITA POLA “SUPERVIVENCIA DA MARIÑA”

“Queremos agradecer a todos os que nos apoiaron durante esta loita pola defensa non só da nosa fábrica, senón pola supervivencia de toda A Mariña. Onte quedou demostrado que non hai arma que poida combater a firmeza da clase obreira, gritando a unha soa voz: as cubas non se paran“, conclúe a nota do comité.

A CIG: “NON HAI SOLUCIÓN SEN VENDA”

A CIG valorou a decisión do comité porque, segundo afirma o secretario xeral, Paulo Carril, “vai no camiño de garantir a continuidade industrial, os postos de traballo e o futuro do aluminio”. O secretario xeral da central nacionalista apunta que esta proposta feita polos gobernos “responde á solicitude de mediación formulada por nós. O seu contido aproxímase ao que nós demandabamos, tendo en conta que se abre unha operación de venda, sen parada de cubas e mantendo a actividade industrial”, remarca.

En todo caso Carril advirte que, desde a central sindical, se exixirá tanto aos gobernos, como a Alcoa e a Liberty House que cada parte “faga ben o seu traballo” porque “non hai outra solución que esa venda teña lugar”. Nese sentido anuncia que a CIG tamén se compromete a traballar “de forma incansábel para que se garanta a continuidade da actividade”. Considera que é necesario manter a mobilización, aínda que se desconvoque a folga, porque “quedou confirmado que foi a unidade de acción, a mobilización e a defensa firme do futuro industrial foi o que fixo posible que chegaramos a esta fase”.

Con todo, matiza que “non se trata da unidade pola unidade, senón da unidade sempre que se dea no marco da mobilización e da defensa inamobible dos postos de traballo”. Máis cando para a CIG é claro que “o aluminio galego ten futuro”. Por iso insiste en que “non pode ser que en Galicia, un país no que se produce enerxía, pechen fábricas polo prezo da electricidade”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...