InicioEconomíaOs sindicatos alertan de que o proceso será "duro" porque Alcoa "non...

Os sindicatos alertan de que o proceso será “duro” porque Alcoa “non quere vender”

O comité convoca unha xuntanza familiar o vindeiro domingo na que amosará o seu apoio á venda repartindo cascos de Liberty House

Publicada o

- Advertisement -

Os tres sindicatos con representación no comité de empresa de Alcoa San Cibrao amosaron este martes o seu “apoio” á venda da planta de aluminio ao grupo británico Liberty House – GFG Alliance, unha operación que permanece encallada, dado que titular e potencial comprador non chegaron a un acordo para finalizar a primeira fase das negociacións.

O comité de empresa do complexo industrial de Cervo citará o vindeiro domingo, 6 de setembro, ás familias dos traballadores nunha xuntanza que se celebrará na Praza Pastor Díaz de Viveiro. O encontro será de 11.30 a 12.00 horas. Os sindicatos piden que se respecte a distancia de seguridade e se use máscara.

Na xuntanza repartiranse cascos de GFG Alliance/Liberty House, como mostra de apoio ao grupo industrial británico. O comité de empresa acusou a Alcoa de poñer “todas as trabas posibles” para a venda da planta de aluminio, onde a titular presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre a factoría e a industria auxiliar. De non haber un preacordo antes do 28 de setembro, ese día propietaria e sindicatos retomarían o período de consultas do despedimento colectivo.

En declaracións a Efe, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, recoñeceu este martes que o proceso de negociación para a venda da fábrica mariñá será “duro”, porque “Alcoa non está interesada en vender” e só accedeu a iniciar conversacións pola “mobilización social”. “Todos sabemos que non vende a gusto”, dixo en declaracións á prensa, senón polas “protestas” dos propios traballadores da fábrica, persoal que contou co apoio sen fisuras, apuntou, de toda a sociedade da Mariña.

PIDEN “TRANQUILIDADE” AO PERSOAL

En todo caso, quixo lanzar unha mensaxe de “tranquilidade” ao persoal do complexo industrial e pediulles aos traballadores que se “manteñan sosegados”, porque “é un proceso que vai durar seis semanas e que vai ser duro, porque a quen ten que vender hai que obrigala a chegar ata aí”. A venda, en todo caso, debe contar, puntualizou, co apoio inequívoco do Goberno de España e da Xunta de Galicia, cun plan industrial e un marco enerxético que permitan que a operación chegue “a bo porto”.
“Alcoa non está interesada en vender. Apréciase en cada unha das súas cartas e intervencións, nas que emprega un ton cada vez máis severo e contrario á venda”, esgrimiu Zan, ata o punto de “poñer en dúbida” a existencia dun plan industrial por parte de Liberty House. Lembrou que o comité só busca unha “saída” para evitar a perda dos postos de traballo e manter a produción na fábrica mariñá, e “se Alcoa non pode proporcionala, ten que ser outro”. Nese sentido, volveu a pedirlle á empresa que “non poña trabas”, porque a propia multinacional pode verse “moito máis comprometida” se se “segue enquistando” o proceso de venda.

SOLICITAN A DECLARACIÓN DA PLANTA COMO “ESTRATÉXICA”

En todo caso, para facilitar todo o proceso, Zan considera “indispensable” que o Goberno declare “estratéxica” a produción de Alcoa, como xa o fixo durante o estado de alarma ao considerar a actividade na fábrica como un servizo “esencial, para evitar “que se poidan parar as cubas” e que “unha multinacional, por estratexia, decida pechar a factoría”. En canto á visita dos responsables de Liberty House a San Cibrao, desvelou que se vai a atrasar porque “aínda non se pechou a primeira fase das negociacións para cimentar o proceso de venda”.

ASEMBLEA O VENRES

Os traballadores de Alcoa abordarán a situación actual do proceso de venda nunha asemblea convocada polo comité de empresa para este venres 4, ás 14.30 horas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...