O palangre de superficie, en “alerta vermella” polo baixo prezo da quenlla e a imposibilidade de vender marraxo

Empresas galegas, entre elas de Burela, alertan da "ruína económica" da "maioría das empresas" se o Goberno non levanta as restriccións á comercialización do tiburón, especie protexida

Siempre Nuevo Ángel. SHIPSPOTTING

As catro principais Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) -as de A Garda, Burela, Marín e Vigo- do palangre de superficie de Galicia fixeron este venres unha “chamada de auxilio” ao Goberno central ante unha situación de “alerta vermella” que leva ao sector cara a “ruína económica” ante a “caída histórica de prezos” da quenlla e a “imposibilidade” de comercializar as capturas de marraxo dentuso.

As organizacións consideran que o Ministerio de Transición Ecolóxica “non é o competente” para a xestión pesqueira e denuncian a “inacción” do Ministerio de Pesca, pois “permite unha situación “que nos está a levar á ruína económica, ao non poder vender nin comercializar unha parte importante das capturas”.

UNHA FROTA “DEPENDENTE” DA QUENLLA, QUE SE VENDE “UN 52% MÁIS BARATA”

A situación é de “alerta vermella”, aseguran, pois “a maioría das empresas non poderá aguantar moitos meses nesta situación. Aínda que a situación é global, o impacto é máis grave na flota do Atlántico Norte pola súa dependencia da quenlla, que representa unha media do 75% das capturas e un 60% dos ingresos, pero cos prezos en caída libre, cada día é máis difícil de sobrevivir para os 90 barcos que traballan aquí”, resaltan.

“A demanda desapareceu ou é moi inestable, e os prezos están sufrindo unha baixada histórica. Como exemplo, en agosto a quenlla vendeuse xa por baixo de 0,30 euros/quilo“, con diferenzas con respecto ao ano pasado “de máis do 52% nesta especie” e “do 17% no peixe espada“, caendo os ingresos medios “un 30%”.

“Con estes prezos, esta frota non durará moito tempo, é imposible sobrevivir“, xulgan os armadores.

CONFLITO ABERTO POLO MARRAXO: “TEMOS TONELADAS A BORDO SEN PODELAS COMERCIALIZAR”

No tocante ao marraxo dentuso, o comercio internacional “sufriu unha gran complicación desde novembro do 2019, trala súa inclusión no anexo II de CITES (Comercio Internacional de Especies Amenazadas de Fauna). Agora, ademais do Ministerio de Pesca, interveñen na súa comercialización os Ministerios de Transición Ecolóxica (MITECO) e de Comercio (MINECO)”, expoñen os empresarios, que critican “a descoordinación” e “desentendemento” entre as Administracións, situación que provoca “unhas consecuencias económicas insostibles á frota”.

“O MERCADO INTERNACIONAL FORNÉCESE CON FROTAS DOUTROS PAÍSES”

Así, critican o “bloqueo administrativo” que “impide a comercialización desta especie”, unha situación “que afecta particularmente á frota galega” e que “vén a empeorar a crise económica padecida a causa da Covid-19. Hai toneladas de marraxo procesado e almacenado nos frigoríficos, que con todo non poden venderse, debido ao bloqueo administrativo provocado polo Ministerio de Transición Ecolóxica, que decidiu, dun modo totalmente unilateral, e en contra dos criterios de Pesca, restrinxir a comercialización desta especie, e permitindo que o mercado internacional se forneza con outras frotas que paradoxicamente non tiñan peixe habitualmente esta especie, e non implantaran as medidas de xestión que se autoimpuxeron os barcos españois”, manifestan.

Neste sentido, as catro OPP que asinan o comunicado conxunto sosteñen que a frota española “é un exemplo” do cumprimento das directrices pesqueiras da International Commission for the Conservation of Atlantic Tunas (ICCAT) -organización que estipula a normativa-, “especialmente no tocante ás regras de explotación do marraxo dentuso”. Ademais, resaltan que as empresas asumiron “un importante custo económico” en materia de realización dun plan nacional de observación, “levando observadores físicos ou electrónicos a bordo, e ofrecendo datos das principais especies e do esforzo pesqueiro”.

“O resto de países están copando o mercado que se lle quita a esta frota xa que todos están comercializando marraxo. Algúns armadores pregúntanse se España pode permitirse o peche de tantas empresas, simplemente por unha incompetencia administrativa“, afirman.

CRITICAN A “DESCONSIDERACIÓN” DO EXECUTIVO

“A pesquería non está pechada porque se están cumprindo as directrices de xestión que regula a ORP, e o produto agora non se pode tirar ao mar, nin o que está nos frigoríficos nin a bordo dos barcos, xa que facer isto agora e descartalo, unha vez eviscerado e conxelado, sería un verdadeiro atentado medioambiental. A solución pasa por documentar todo o que está xa capturado e permitirlle unha saída comercial, e logo tomar decisións urxentes sobre a pesquería, polo que se solicitan á Administración que actúe e ofreza solucións a este grave problema creado por ela mesma”, sosteñen.

Finalmente, os armadores censuran que recibiron do MITECO, tras solicitar unha “reunión urxente” en xullo, unha cita “para o 15 de outubro”, o que interpretan como “unha desconsideración e desprezo dada a gravidade da situación, con centos de toneladas sen vender e as economías maltreitas”. Conclúen afirmando que as organizacións “están estudando diferentes accións xudiciais para defender unha situación que consideran grave e inxusta”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here