Urbas compra unha mina de feldespato en Muras con reservas estimadas “en 600 millóns”

A produción anual arrincará cunha previsión de extracción dunhas 150.000 toneladas ao ano, coa meta posta en alcanzar unhas 500.000 anuais

Montañas de Muras. TURISMO DE LUGO

EFE. A promotora inmobiliaria Urbas adquiriu unha sociedade que conta coas concesións mineiras para explotar un xacemento de feldespato ao descuberto en Silán (Muras) que conta cunhas reservas estimadas nuns 600 millóns de euros tendo en conta o valor actual do mineral.

A produción anual do feldespato de Silán arrinca cunha previsión de extracción dunhas 150.000 toneladas ao ano, cantidade que a compañía irá aumentando progresivamente coa meta posta en alcanzar unhas 500.000 toneladas ao ano, segundo sinalou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Segundo a compañía, que non desvela o importe da operación, o xacemento de feldespato está considerado polos expertos como “un dos máis importantes a nivel europeo“.

Urbas capitalizará na súa próxima Xunta de Accionistas, prevista para o próximo mes de outubro, o investimento derivado desta adquisición a un valor de 0,0125 euros por acción (0,010 de nominal e 0,0025 de prima de emisión). Isto supón case ao dobre do seu actual prezo de cotización e corresponderá a unha participación aproximada en Urbas do 2%.

Ademais, a compañía avanzou que tras realizar unha análise do mercado existente en España, conta xa con varias fábricas interesadas en adquirir a produción total do xacemento, ofrecendo xa que logo unha alternativa nacional á importación.

A explotación do feldespato potásico e sódico potásico é utilizada polos sectores cerámico, do azulexo e do vidro, que actualmente importa material maioritariamente desde Turquía.

PREVISIÓN DE ACTIVIDADE “PARA VARIAS DÉCADAS”

A promotora aproveitará as sinerxias de integrar no seu grupo empresarial a Construcións Murias, que participará co seu persoal técnico especializado e coa súa maquinaria na explotación da mina.

Segundo explicou Urbas, esta adquisición permítelle seguir diversificando o seu negocio e garántelle unha xeración de caixa recurrente, ao sumar ao seu grupo empresarial unha actividade prolongada no tempo, xa que a explotación do xacemento estenderase durante varias décadas dadas as reservas actuais da mina.

Urbas Grupo Financeiro é unha empresa española especializada na promoción inmobiliaria, a construción e a xestión de chan.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here