InicioEconomíaO BNG leva ao Congreso o "illamento" da Mariña polo recorte do...

O BNG leva ao Congreso o “illamento” da Mariña polo recorte do 75% dos horarios do tren

Os nacionalistas reclaman "medidas concretas" para "a crítica situación" da infraestrutura

Publicada o

- Advertisement -

O deputado do BNG Néstor Rego vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso a respecto do progresivo deterioramento da infraestrutura e servizos da liña de proximidade ferroviaria Ferrol-Ribadeo. “Trátase dunha redución de servizos do 75%, que parte da restrición de movementos durante o estado de alarma, mais que continúa a día de hoxe e que deixa o tramo cun único tren diario en cada sentido”, sinalou o deputado nacionalista.

Rego lembrou que antes operaban catro saídas en cada sentido diariamente e que se están a reducir tamén as frecuencias das proximidades entre Ferrol e Ortigueira a catro en lugar das oito existentes anteriormente.

O BNG denuncia que esta situación supón “graves problemas de mobilidade” e mesmo de “illamento” para a poboación das comarcas afectadas, ademais de incidir negativamente tamén no ámbito económico de toda a zona.

Rego defende abordar no seo da comisión creada entre o Ministerio, Renfe e a Xunta de Galicia a “crítica situación desta infraestrutura de comunicación e dos servizos deficientes que se están a prestar”, de forma que se coloquen sobre a mesa “medidas concretas” que resolvan as “deficiencias estruturais” na liña Ferrol-Ribadeo e, dun modo concreto e urxente, a reposición dos servizos suprimidos desde o comezo da pandemia da Covid-19.

O BNG defende tamén a transferencia da totalidade dos servizos ferroviarios a Galicia para garantir así unha xestión máis próxima e adecuada, que garanta en todo momento a mobilidade de viaxeiros e mercadorías nas comarcas por que discorre.

OS USUARIOS RECOLLEN SINATURAS

Os usuarios do ferrocarril Ferrol-Ribadeo iniciaron días atrás unha recollida de sinaturas para que Renfe repoña os horarios, unha situación que a operadora condiciona “á demanda”; a plataforma na defensa do tren pregúntase como poden volver os clientes ao servizo cando só hai unha frecuencia por día.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...