O comité de Alcoa chama a unha manifestación, o día 24 en Lugo, para esixir a intervención

A marcha partirá da delegación da Xunta cara a subdelegación do Goberno central, onde se entregará un documento para reclamar a expropiación da planta de aluminio

Traballadores de Alcoa, nunha manifestación en Lugo. EFE/LAURA CAMPOS

O comité de Alcoa San Cibrao chamou este xoves á cidadanía da provincia a participar nunha manifestación prevista para o sábado 24 de outubro en Lugo, a fin de reclamar ás Administracións estatal e autonómica que se comprometan coa intervención pública da planta de aluminio primario, na que a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre obreiros da factoría e da industria auxiliar, ademais do apagado das cubas de electrólise.

Baixo o lema ‘A Mariña sálvase loitando‘, a marcha partirá ás 11.00 horas do edificio da delegación territorial da Xunta de Galicia cara a sé da subdelegación do Goberno central, onde se entregará unha solicitude da intervención pública temporal aos representantes do Executivo estatal. Os sindicatos pregan aos asistentes que cumpran coas medidas de seguridade, como o uso da máscara e manter a distancia de seguridade.

CABALLERO PIDE Á XUNTA QUE PRESIONE A ALCOA NOS ÁMBITOS “LABORAL, AMBIENTAL E INDUSTRIAL”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou á autoridade laboral -a Consellería de Traballo- a “rexeitar o ERE” de Alcoa, á vez que pediu ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que adopte “todas as medidas” dentro do ámbito das súas competencias, nos ámbitos laboral, ambiental e industrial.

Ante unhas xornadas “decisivas para o futuro de Alcoa”, o líder socialista reclamou á Xunta “que despregue todas as competencias que ten nos ámbitos industrial, laboral e ambiental para paralizar o ERE, para que se despreguen as esixencias ambientais e tomando en coordinación co Goberno de España todas as medidas posibles” para que a multinacional non paralice a actividade na planta da Mariña. Le a información completa no Galicia Confidencial.

OS SINDICATOS REÚNENSE ESTE XOVES CON TRABALLO

Por outra banda, o comité de empresa de Alcoa manterá este xoves, a partir das 16.15 horas, unha reunión con Inspección de Traballo en Lugo para expoñer os seus argumentos en contra da aplicación do despedimento colectivo que pretende executar a multinacional.

O comité aclara que a empresa non pode empezar a executar o ERE ata dispoñer do informe final da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

O seu presidente, José Antonio Zan, explicou a Efe que ese informe “seguramente aínda vai tardar”, dado o volume da documentación que ten que manexar a Inspección de Traballo, polo que “a empresa non vai poder facer nada ata a semana que vén con respecto aos despedimentos”.

Non se descarta, ademais, “unha reunión conxunta coa empresa no caso de que xurda algunha incongruencia entre as partes”.

Namentres, os sindicatos traballan para presentar a solicitude de paralización cautelar do ERE ante os tribunais, pendente aínda de dous informes independentes, cuxa resolución debe facerse efectiva no prazo de 72 horas -unha vez presentada-.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here