(AMPLIACIÓN) Apoio unánime no Parlamento á intervención temporal de Alcoa para a venda

A iniciativa do BNG -transaccionada co PP- esixe tomar "cantas medidas sexan necesarias" e "á maior brevidade posible" para garantir a actividade industrial e o emprego

Deputados de PP, PSOE e BNG, con obreiros de Alcoa e auxiliares. AXM

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG -transaccionada co PP– para instar á Xunta a demandar ao Goberno central a intervención pública temporal de Alcoa San Cibrao para a súa venda a fin de manter a actividade industrial e o emprego.

Esta proposta é similar á aprobada a semana pasada no Congreso, na que se piden “cantas medidas sexan necesarias” á “maior brevidade” para garantir o futuro da factoría, despois de que Alcoa anunciase a execución dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) con máis de 500 empregados afectados na planta de aluminio de Cervo, unha medida que implicaría a parada das cubas de electrólise e a perda doutros alomenos 400 postos de traballo na industria auxiliar.

ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS

Ademais, PP, BNG e PSOE aprobaron reclamar ao Goberno que poña en marcha “de forma inmediata” un Estatuto do Consumidor Electrointensivo, cunha mellora do borrador presentado para garantir un prezo estable da enerxía eléctrica.

BNG: A INTERVENCIÓN “TENSE QUE FACER XA”

O deputado do BNG Daniel Castro avisou de que “esta intervención tense que facer xa“. “Non estamos no tempo engadido, nin na prórroga, estamos ante o último penalti“, deixou claro.

Castro expón que “Alcoa deixou claro no ERE cales son as súas intencións”, “despedir a 524 traballadores e parar as cubas”. Por iso remarca que “a solución non está no xulgado”, senón que é “política”. “Xa abonda de que unha multinacional se ría de dous gobernos como o galego e español”, apostila.

Tras catro meses de protestas e ante unha situación “dramática”, insta a “pasar á acción dunha vez por todas” cunha intervención, porque “o imposible é pensar que Alcoa se poida sentar coa empresa interesada na compra“. “Acabemos con esta infamia, salvemos A Mariña da súa fin”, sentenciou Castro.

A proposición non de lei orixinal do Bloque demandaba a nacionalización, pero ese punto non contou co apoio do resto de grupos.

REPROCHES DO PSdeG ÁS “SOLUCIÓNS MÁXICAS” DO BLOQUE

O deputado socialista Martín Seco centrou boa parte do seu discurso en facer reproches á posición do BNG, a quen recriminou que fale de “solucións máxicas“, á vez que emprazou a “abandonar posicións maximalistas” sobre a nacionalización. “Non tratemos de poñer o carro antes que os bois”, afirmou.

“A solución política témola que buscar nas institucións, non nas performances“, díxolle Seco ao Bloque. De feito, apuntou que lle parece “moi chocante” falar de nacionalizacións “como solución a todos os problemas”.

Ademais, Seco reclamou que tanto Xunta como Goberno “fagan o traballo que se espera en cada un nos seus ámbitos”. Afea ao Executivo galego a súa falta de actuación e demanda que tome medidas ante cuestións como posibles incumprimentos ambientais. Así mesmo, apuntou a Alcoa como “o verdadeiro inimigo“, xa que o único que desexa é a “deslocalización“.

TELLADO: “A CULPA É DE PEDRO SÁNCHEZ”

Pola súa banda, Miguel Tellado (PPdeG) indicou que a intervención do deputado do PSdeG deixoulle “preocupadísimo”, xa que cre que non fala como voceiro de Industria na Cámara galega, senón como “portavoz do Goberno de España”.
Tras censurar que “a culpa é de Pedro Sánchez” e a “desidia” do seu Goberno por non aprobar un estatuto para as electrointensivas, Tellado criticou que o Bloque é “corresponsable xunto co PSOE” da situación que atravesa Alcoa polo seu acordo de investidura, que “é papel mollado”.
O deputado popular lamentou que “nin A Mariña nin Galicia merecen o comportamento que está tendo Alcoa”, polo que asegura “censurar claramente a mala fe da empresa”, pois a súa intención “nunca foi permitir a venda a Liberty House”, “senón únicamente dilatar prazos”.

O MÉRCORES 28, VISTA SOBRE AS MEDIDAS CAUTELARES

Todo iso á espera de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) celebre o próximo 28 de outubro unha vista para sustanciar a petición do comité de medidas cautelares para paralizar o despedimento colectivo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here