Inquedanza en San Cibrao tras citar Alcoa este mércores aos comités das tres plantas españolas

Os obreiros da fábrica cervense descoñecen o motivo da chamada pero "as sospeitas e a intranquilidade témolas"

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao. AXM

A multinacional do aluminio Alcoa citou a unha xuntanza este mércores a representantes dos comités de empresa das súas tres plantas en España: San Cibrao, A Coruña e Avilés.

A firma non explicitou os motivos da reunión, que se celebrará ás 12.00 horas, o que motiva a incerteza dos traballadores. O presidente do comité de empresa da planta sancibrense, Xosé Paleo, da CIG, expón que “non sabemos nada, pero as sospeitas e a intranquilidade témolas”.

O representante dos traballadores prefire non falar de recortes nin facer cábalas sobre o anuncio que fará mañá a multinacional aos tres cadros de persoal e resalta que, malia que “tentamos averiguar o que puidemos”, os membros do comité seguen sen saber o motivo da chamada.

RENDEMENTOS POSITIVOS

Ao contrario que as factorías avilesina e coruñesa, en perdas, a planta de San Cibrao ofrece rendementos positivos, pero Paleo recoñece que hai preocupación, baseada nunha tarifa eléctrica “que lle está a facer dano ao sector do aluminio”.

TARIFA ELÉCTRICA

A factura da luz supón o 40% dos seus gastos de Alcoa e a empresa presiona cada ano para obter un prezo favorable. En 2012 chegou a ameazar con pechar as súas plantas españolas se perdía competitividade pola factura enerxética e, no 2015, plantexou un Ere de extinción finalmente retirado para as factorías da Coruña e Avilés.

A última subasta da enerxía produciuse no pasado mes de maio e repartiu incentivos eléctricos ata o mes de decembro. Segundo a multinacional, o prezo acadado foi peor ca o das anteriores poxas.

SUBA DO PREZO DA ALÚMINA

A esta circunstancia engádese a suba do prezo da materia prima, a alúmina, que se disparou dos 200 dólares a tonelada a principios de ano aos 400, 600 ou mesmo 800 durante os últimos meses.

Os obreiros de Avilés e A Coruña lamentaron ao longo das últimas semanas a “situación complexa” das plantas por este motivo.

UNS 1.600 TRABALLADORES

Calquera recorte de persoal na planta de San Cibrao sería un pau para a comarca da Mariña, dada a importancia da fábrica no tecido industrial da bisbarra.

A factoría cervense conta, segundo explica o presidente do comité, cuns 1.000 traballadores directos, aos que hai que engadir outros 600 postos de traballo indirectos de obreiros de empresas auxiliares.

Estímase que a fábrica cervense achega o 30% do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo. Na Coruña traballan uns 400 operarios, por arredor de 300 do cadro persoal de Avilés.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here