InicioEconomíaOs orzamentos do Estado esquecen o tren da Mariña e a A-74,...

Os orzamentos do Estado esquecen o tren da Mariña e a A-74, á que se destinan 400.000 euros

As contas estatais pospoñen unha vez máis a solución ao déficit de infraestruturas da comarca, cun investimento total, segundo as partidas nominais, de 830.000 euros

Publicada o

- Advertisement -

O proxecto de Presupuestos Generales del Estado (PGE) de 2021 presentado polo bipartito do Goberno central destina, alomenos nominalmente, 830.000 euros a melloras e reformas na Mariña Lucense. O déficit de infraestruturas a nivel de comunicacións do que a poboación da comarca se queixa reiteradamente é esquecido ou abordado superficialmente na proposta de orzamentos do Executivo de PSOE e Podemos.

A SUPERVIVENCIA DO FEVE, EN ENTREDITO

O treito lucense do Feve non recibe investimento para a súa mellora por segunda ocasión consecutiva, pois tampouco se reservou un só euro nos orzamentos estatais do 2019. No 2017, gobernando o Partido Popular, o tramo mariñao recibiu 15.000 euros. Tampouco serviu o acordo de investidura entre o BNG e os socialistas, que incluía a “modernización” do tren de ancho métrico entre as súas cláusulas, para unha aposta no conxunto do investimento do Estado.

Cos horarios suprimidos nun 75% -a unha única liña diaria por sentido, o ferrocarril FerrolRibadeo debátese pola súa supervivencia, e os alcaldes de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña insisten en que o servizo precisa dun pulo que ten que vir das Administracións, pero ano tras ano a cantidade destinada nos orzamentos segue a demostrar que para os diferentes Gobernos do Estado trátase dunha infraestrutura secundaria.

SEN VÍA DE ALTA CAPACIDADE NA COMARCA

Respecto da Autovía da Mariña ou A-74, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana orzamentou 400.000 euros para distintas actuacións, que se corresponden con redaccións de proxectos. Así, o treito San Cibrao-Burela recibirá 100.000 euros; a mesma cantidade, o percorrido Foz-Burela; outros 100.000 euros irán destinados a Foz-O Carme, e o mesmo importe a O Carme-Barreiros.

No apartado de previsións para os seguintes exercicios (2022, 2023 e 2024) non aparecen cifras de gasto.

A Autovía da Mariña, desde San Cibrao a Barreiros -33,5 quilómetros de lonxitude e 241 millóns de orzamento-, foi comprometida a principios do milenio como alternativa trala decisión do Goberno popular de afastar a Transcantábrica do Cantábrico, cara Vilalba. Desde entón, o Norte de Galicia segue sen vía rápida e tardará en tela. O Goberno anunciaba a finais de 2019 que o treito Foz-Barreiros (11,1 quilómetros) superara a fase de información pública, e que o tramo Foz-Burela (9,1 quilómetros e 92,6 millóns de euros), que recibe os 100.000 euros anunciados, estaba en redacción.

A-8

Con respecto á A-8, non aparecen partidas para o 2021, continuando a experimentación con prototipos para tentar acadar unha solución aos problemas da néboa no Fiouco.

TRANSICIÓN ECOLÓXICA FARÁ ACTUACIÓNS NA COSTA POR 430.000 EUROS

O Ministerio de Transición Ecolóxica, pola súa banda, orzamentou 430.000 euros en distintas actuacións no litoral mariñao. Un total de 230.000 euros irán destinados ao control de regresión na Costa de Lugo, mentres que 100.000 euros empreganse para a protección e recuperación dos sistemas litorais na provincia e outros 100.000 para o acceso e uso público da mesma liña costeira.

Para o control da regresión na costa de Lugo, no 2022 proxéctase investir a mesma cantidade, por un millón no exercicio 2023 e outro no 2024. Con respecto aos dous outros proxectos, a previsión de gasto é idéntica: 225.000 euros por cada un deles en 2022, e 400.000 euros nas anualidades de 2023 e 2024.

SEN INVESTIMENTO PARA A VÍA VERDE DO EO

Outro proxecto considerado chave, neste caso a nivel turístico, para a Mariña como é a Vía Verde do Eo, paralizada desde 2011, tampouco recibe orzamento. Prevíase un investimento de catro millóns de euros na recuperación dos 33,5 quilómetros que percorría o vello tren mineiro polos concellos da Pontenova, Trabada, San Tirso de Abres e Ribadeo, desde onde se exportaba o ferro extraído nas minas de Vilaoudriz.

Podes consultar os investimentos desglosados por comunidade autonóma do proxecto de orzamentos nesta ligazón.

O PP DI QUE PSOE E BNG “TEÑEN POUCO PESO DE DECISIÓN” SOBRE O GOBERNO

O deputado provincial popular Javier Castiñeira salientou que “A Autovía da Mariña queda practicamente fóra destes orzamentos, cando está nun punto de avance administrativo moi alto, especialmente o tramo I de Barreiros a Foz, no que xa no 2018 se avanzara na xestión das expropiacións e nas sondaxes xeotécnicas”.

Castiñeira argumentou que “estas contas para o ano 2021 son un golpe para varias comarcas luguesas importantes, e especialmente malignas para os intereses da Mariña, esquecida polos socialistas. PSOE e BNG demostran ter moi pouco peso de decisión sobre o Goberno de Pedro Sánchez“, dixo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...