O comité celebra o auto como “un novo revés” para Alcoa, á que urxe a negociar a venda da fábrica

Os sindicatos estiman que os despedimentos permitidos polo fallo do TSXG serían "unha parte mínima", dado que "o 90% do persoal é necesario para manter o funcionamento das cubas"

Traballadores de Alcoa que se desprazaron a Lugo para apoiar aos compañeiros do comité durante o período de consultas do ERE. ELISEO TRIGO/EFE

O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, destacou que o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) é “moi satisfactorio” pois “corrobora as teses” dos representantes dos traballadores en relación cunha eventual parada das cubas de electrólise, que os maxistrados impiden xa que sería “irreversible” para un futuro mantemento da planta de Cervo.

Zan, de CC. OO., invitou á dirección da empresa a “sentarse a negociar a venda” da planta, tendo en conta que este é “o último revés” que sofre na crise suscitada trala intención da compañía de executar un expediente de regulación de emprego (ERE) para 524 persoas na factoría de aluminio da Mariña. Unha medida que suporía outros 400 despedimentos na industria auxiliar de San Cibrao, segundo a estimación dos sindicatos.

A finais do pasado mes de outubro, un laudo arbitral do Consello Galego de Relacións Laborais negou tamén a Alcoa a pretendida paralización da maquinaria.

De acordo cos cálculos do presidente do comité, de executarse os despedimentos –cuestión que permite o fallo do TSXG- “serían unha parte mínima“, xa que estima que en torno ao 90% do persoal é preciso para manter en funcionamento as cubas. Ademais, logo poderíanse recorrer”, salienta.

Por iso, lamenta “a inxustiza” do ERE, que, desde un primeiro momento, os representantes dos traballadores rexeitaron por considerar que é “fraudulento“, e insiste na necesidade de que fructifique a operación con Liberty House, a compañía interesada en adquirir a factoría de San Cibrao.

A CIG INSTA AOS GOBERNOS A FREAR COA NACIONALIZACIÓN “O TERRORISMO PATRONAL” DE ALCOA

Pola súa banda, a CIG valora que, “fronte ao discurso de Alcoa”, a decisión do TSXG “reforza a evidencia do dano irreversible que supoñería a parada das cubas de electrólise, así como a complexidade técnica e o elevado custo deste proceso”.

O secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, considera que tras este auto “o Goberno non pode esperar máis para actuar” e “xa non ten escusas para impedir que o terrorismo patronal de Alcoa campe ás súas anchas ameazando con executar os despedimentos e desmantelar a fábrica”.

Respecto diso, subliña que “as solucións” para a fábrica de San Cibrao “non están nos xulgados” senón que “dependen únicamente das decisións políticas do Goberno central e da Xunta“.

Por iso, insta a ambas Administracións a “aproveitar o tempo e poñer en marcha de inmediato os mecanismos legais para efectivizar a nacionalización da planta”.

UGT: “A SOLUCIÓN PASA POLA VENDA DO COMPLEXO INDUSTRIAL AO COMPLETO”

Mentres, a federación de industria, construción e agro de UGT manifesta a súa “satisfacción co fallo” que estima en parte as medidas cautelares e ordena a Alcoa “absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas”.

Así, segue “defendendo que a única solución ao conflito xerado por Alcoa é a venda do complexo industrial ao completo ou un acordo de fornezo a longo prazo, que dea a estabilidade necesaria para o desenvolvemento do proxecto industrial do comprador, GFG Liberty House”.

Reclama ao Goberno e á Xunta de Galicia que adopten “unha solución rápida que garanta o futuro do emprego e da actividade industrial”.

E conclúe que “é fundamental seguir apostando por un proxecto de futuro baseado na sostibilidade industrial a longo prazo e cunha base enerxética que poida dar garantías de mantemento da produción de aluminio en San Cibrao por moitos anos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here