InicioEconomíaOs obreiros cren que o estatuto "non ten sentido" sen electrointensivas e...

Os obreiros cren que o estatuto “non ten sentido” sen electrointensivas e esixen a intervención

Tras comprometer Industria o documento para antes de final de ano, o comité reclama ao Goberno que se "centre" en "convencer a Alcoa para que venda" ou en intervir a empresa

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, afirmou hoxe que “o estatuto” que regulará o marco das empresas electrointensivas en España, anunciado este xoves para “antes de final de mes” pola ministra de Industria, Reyes Maroto, non tería “sentido” se non queda industria que poida beneficiarse desa ferramenta.

“O estatuto non ten sentido se non hai empresas electrointensivas”, dixo Zan, quen volveu a instar ao Ministerio de Industria a “intervir a empresa” -en alusión ao complexo de Alcoa en San Cibrao– e a “loitar pola produción de aluminio primario” en España, dado que a fábrica da Mariña é a única que queda no país.

Zan fixo estas declaracións despois de que a ministra de Industria anunciase no Congreso que o Goberno ten intención de aprobar o estatuto antes de que finalice o presente ano.

O presidente do comité dixo que o Goberno debeu de aprobar ese estatuto “hai máis de dous anos” e recordou que agora o Ministerio de Industria debe centrarse en “convencer a Alcoa para que venda” a fábrica e “en manter a produción de aluminio en San Cibrao”.

Precisou que o estatuto, do mesmo xeito que a poxa de interrompibilidade, “é unha ferramenta” que ten que contribuír a facer competitivo o prezo da enerxía para todas as industrias electrointensivas de España.

SEGUNDA COLECTA DO COMITÉ PARA O BANCO DE ALIMENTOS DA MARIÑA

Por outra banda, o comité de empresa de Alcoa iniciou unha nova campaña de recollida de alimentos, na que invitou a colaborar aos máis de 1.100 traballadores do persoal e aos empregados das empresas auxiliares, para expresar a súa solidariedade coas familias máis necesitadas da comarca da Mariña.

O comité puxo en marcha esta iniciativa solidaria mentres espera a sentenza do TSXG respecto da impugnación do expediente de regulación de emprego (ERE) pretendido por Alcoa, que suporía a parada das cubas de electrólise e 524 despedimentos na fábrica de aluminio, aos que se sumarían outros alomenos 400 na industria auxiliar.

En declaracións a Efe, o presidente do comité, José Antonio Zan, dixo que confían nunha resolución “favorable” antes “do Nadal”, para que as familias dos traballadores poidan pasar “tranquilas” estas festas.

En canto á recollida de alimentos, convidouse aos traballadores a que deixen unha bolsa coa súa donación nos locais do propio comité de empresa, que se ocupará de facer chegar toda a comida recolleita ao Banco de Alimentos.

Organizouse así, explicou Zan, para respectar os protocolos de seguridade fronte ao Covid-19 e reducir ao máximo o risco de contaxio.

“É moi doloroso pasar necesidade e máis en Nadal”, dixo o presidente do comité, polo que os traballadores de Alcoa queren colaborar “para que todo o mundo teña algo que levarse á boca” nestas datas. Hai algunhas semanas o comité de empresa fixo entrega de 3,5 toneladas no Banco de Alimentos de Foz.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...