InicioEconomíaReaccións ao estatuto das electrointensivas: a Xunta di que chega "tarde" e...

Reaccións ao estatuto das electrointensivas: a Xunta di que chega “tarde” e “sen consenso”

O Goberno de Asturias cre que o documento suporá "un baixo desconto" para a tarifa da luz da gran industria; a CIG reclama "un calendario claro e inequívoco" para a intervención da planta

Publicada o

- Advertisement -

O vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, o popular Francisco Conde, opina que o estatuto que regulará o marco xurídico dos consumidores electrointensivos, aprobado hoxe polo Consello de Ministros do Goberno de España, “chega tarde e sen consenso”.

En declaracións aos medios de comunicación, Conde afirmou que “chega tarde” porque “as empresas electrointensivas neste momento están ante unha situación de incerteza, sen que os pagos por CO2 se ampliaran ata o máximo permitido”, como demandaba o propio sector.

O conselleiro, segundo recolle Efe, citou a empresas como Alcoa, Alu Ibérica, Celsa ou Ferroatlántica, porque malia a aprobación do estatuto aínda non teñen “unha certeza clara” sobre cal será a súa situación “no futuro”.

Ademais, afirmou que o estatuto “chega sen consenso”, porque “lamentablemente o Goberno non se puxo en contacto coas comunidades autónomas. Non temos unha resposta sobre as propostas que lle trasladamos”, lamentou Conde.

De feito, recoñeceu que aínda hai “incerteza tamén sobre se realmente se incluíron todas as iniciativas que, desde a Xunta de Galicia, en colaboración con Asturias e con Cantabria”, foron trasladadas “ao Goberno”.

O PRINCIPADO: “É INSUFICIENTE”

O Goberno do Principado advertiu hoxe de que o estatuto electrointensivo aprobado este martes polo Consello de Ministros ofrece “un baixo desconto” na súa tarifa enerxética para as industrias radicadas en Asturias que teñen un alto consumo eléctrico, como a siderúrxica ArcelorMittal ou a metalúrxica Asturiana do Zinc.

Nun comunicado, o Executivo asturiano subliñou que a súa primeira valoración, á espera de analizar o articulado da nova norma, “non é favorable“.

“Non cabe dúbida de que a aprobación dunha ferramenta de política industrial é positiva, pero entendemos que hai que calibrala e dotala adecuadamente porque na súa versión actual as empresas con maiores consumos de enerxía, como a gran industria asturiana, teñen un baixo desconto na súa tarifa”, expuxo o Goberno do Principado.

LOSADA VALORA UN DOCUMENTO QUE DÁ “CERTEZA” E “SEGURIDADE” Á INDUSTRIA PESADA GALEGA

O delegado do Goberno central en Galicia, o socialista Javier Losada, afirmou que coa aprobación do estatuto “dáse cumprimento a un compromiso que adquiriran personalmente o presidente, Pedro Sánchez, e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, nas súas visitas á Comunidade galega”.

O delegado do Goberno esperou que o marco xurídico aprobado hoxe sirva para promover o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial en Galicia, pois ofrece “seguridade e certeza” á industria galega, argumentou. O documento contempla un mecanismo de compensación do custo eléctrico e un mecanismo de cobertura de riscos derivados da adquisición da enerxía a medio e longo prazo.

A CIG VE “UNHA IRRESPONSABILIDADE” QUE O CONFLITO LABORAL “ESTEA A EXPENSAS DUN XULGADO”

Por outra banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, insistiu este martes na necesidade dunha “inmediata” intervención da factoría de Alcoa en San Cibrao, e lamentou que o futuro estea “a expensas da decisión dun xulgado” para resolver “un asunto tan importante”.

Carril lembrou que aínda “haberá que esperar ao que resolva” o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) con respecto ao expediente de regulación de emprego (ERE) exposto pola multinacional e que afecta a 524 traballadores da planta de aluminio, ademais de ter un impacto sobre outros 400 empregos na industria auxiliar, segundo estiman os sindicatos.

Á vista de todo iso reclama unha “actuación pública decidida” para expropiar a planta e asegurar “a continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo”. Para iso, pediu “un calendario claro e inequívoco” por parte do Goberno español e da Xunta que permita que esta iniciativa chegue a executarse “antes do 31 de marzo”.

“Parécenos unha auténtica irresponsabilidade que todo estea a expensas dun xulgado cando non é un xulgado o que poida resolver esta situación, senón que se trata de decisións políticas, decisións amparadas polo dano social e o impacto que poida provocar unha situación definitiva de despedimentos”, advertiu.

Por tanto, Carril insiste en que “ten que haber unha intervención pública de inmediato” xa que, “canto máis se tarde”, maior será a responsabilidade “compartida” que terán os Executivos estatal e autonómico.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...