Pesar en Alcoa San Cibrao polo falecemento de ‘Sindín’, ex delegado da CIG no comité

Foi ademais secretario da Federación de Industria do sindicato nacionalista en Lugo-A Mariña

Antonio González, Sindín. CIG

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou este luns do falecemento de Antón González Pérez, ‘Sindín’, membro no seu día do comité de empresa do complexo industrial de Alúmina-Aluminio e posteriormente delegado sindical da CIG, ademais de secretario da Federación de Industria en Lugo-A Mariña.

Segundo lembra o comité, Sindín “defendeu alí onde lle tocase a súa labor sindical con coherencia e firmeza, mais tamén con ese positivismo, bo humor e eterno sorriso que o acompañou ata o final”.

O ex sindicalista estaba prexubilado “desde hai anos”, concreta o organismo de representación dos traballadores, “pero seguiu botando unha man no que fixera falta. Vaia dende aquí o recoñecemento dos seus compañeiros da CIG e dos demais membros do comité de empresa, á súa traxectoria e á súa persoa, así como o noso apoio a familia e amizades”, conclúe o persoal da fábrica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here