Case 900.000 euros en balizas antinéboa no alto do Fiouco

As balizas, que se colocarán entre os puntos quilométricos 545,400 e 549,680, permitirán reducir a 30 metros a distancia de visibilidade á que é necesario cortar o tráfico pola autovía, que actualmente é de 40 metros.

O xefe provincial de Tráfico en Lugo, Ángel Álvarez, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO / Europa Press

O Goberno central investirá 873.000 euros na instalación de balizas detectoras para reducir os cortes provocados pola néboa na autovía A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco, entre os municipios de Mondoñedo e Abadín, e mellorar a seguridade viaria na zona.

Así o anunciou este martes a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, que informou ademais de que a Dirección Xeral de Tráfico xa ten formalizado o contrato coa empresa adxudicataria da obra que, tal e como se publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE), será Sistemas e Montaxes Industriais S.A.

As balizas, que se colocarán entre os puntos quilométricos 545,400 e 549,680, permitirán reducir a 30 metros a distancia de visibilidade á que é necesario cortar o tráfico pola autovía, que actualmente é de 40 metros. Segundo os datos históricos ofrecidos pola Dirección Xeral de Tráfico, calcúlase que esta medida permitirá gañar, aproximadamente, un 75% de efectividade no tramo.

As balizas que instalará Tráfico actívanse ao paso dos vehículos. Tras ser detectados, acéndese unha luz vermella que segue a súa traxectoria e avisa da súa presenza aos condutores que poidan circular por detrás para evitar posibles alcances. Ademais, outra luz ámbar delimitará o trazado da autovía para servir de guía aos usuarios da mesma cando a néboa comece a dificultar a visibilidade.

PROXECTO DE SISTEMA ANTINÉBOA

Isabel Rodríguez lembrou que o proxecto das balizas, “que suporá poder manter máis tempo en servizo a A-8 ao seu paso polo alto de O Fiouco”, complementarase cun “innovador” plan no que traballa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para a selección dun sistema antinéboa.

O Mitma, segundo explicou a Subedelegada do Goberno, investirá máis de dous millóns de euros na primeira fase do proceso de compra pública innovadora, que consiste no deseño, a construción e a experimentación con prototipos de solucións innovadoras “para facerlle fronte á néboa” nunha zona de probas anexa ao tramo de autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here