O Pleno provincial reclama a petición do BNG a creación dunha Autoridade Portuaria propia para San Cibrao

A proposta dos nacionalistas, que colleitou a unanimidade, tamén inclúe esixir a liberalización do dique norte de Morás

Dique norte de Morás. AXM

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo aprobou este martes por unanimidade -cos votos a favor de PSdeG-PSOE, BNG e PP– unha moción presentada pola formación nacionalista para reclamar a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao e da liberalización do dique norte de Morás. Trátase dunha aspiración histórica da comarca da Mariña que o partido frontista requerirá tamén no Parlamento galego e nos gobernos locais.

A deputada nacionalista, Mónica Freire, pediu a PPdeG e PSdG que “respalden con feitos” o seu posicionamento a favor da creación dunha Autoridade Portuaria en San Cibrao e da apertura ao tráfico comercial do dique norte do porto de San Cibrao. Así, reclamou o compromiso das forzas estatais para dar resposta a unha demanda do tecido socioeconómico da comarca.

Na súa exposición, a deputada nacionalista lembrou que a actual configuración da Autoridade Portuaria supón unha discriminación para a comarca que ve como os recursos que xenera, fundamentalmente a través da actividade de Alcoa no porto de San Cibrao, non reverten no territorio. A este respecto, sinalou que os Orzamentos Xerais do Estado non contemplan investimentos no ámbito portuario de San Cibrao.

Freire tamén incidiu no potencial comercial do dique norte do porto de San Cibrao e reclamou unha apertura “que suporía unha maior dinamización económica da Mariña, o que nos parece prioritario e urxente ante o incerto futuro industrial da co marca”.

“Alégranos a unanimide pero alegraríanos aínda máis que cando se ten a oportunidade de dar solución a esta demanda histórica se faga”, insistiu.

Entre outros puntos da orde do día, o Pleno provincial tamén aprobou por unanimidade a distribución de fondos do Plan Único 2021, que inxectará preto de 24 millóns na provincia de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here