Novo atraso da xuntanza prevista entre o Comité de Alcoa e a primeira empresa interesada, Alvance

José Antonio Zan: "Mentres non haxa papeis asinados só estamos a falar de castelos no aire".

Os traballadores, nunha concentración ante a Subdelegación do Goberno en Lugo. AXM

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao ten previsto reunirse esta semana con “algunhas” das seis compañías interesadas na compra da fábrica de aluminio primario, despois do primeiro encontro que mantiveron cunha delas a finais da semana pasada, para coñecer os seus plans industrial “e, sobre todo, enerxético”. Con todo, volveuse a atrasar a xuntanza prevista con Alvance, a primeira en amosar o seu interese en facerse coa planta de Cervo.

“Seguimos con reunións e esperando a ver máis plans industriais e, sobre todo, enerxéticos. Insistir en que aquí o máis importante é que veña un comprador que saiba que facer coa planta e en que investir”, dixo o presidente do comité, José Antonio Zan, en declaracións a Cope Lugo.

Tamén, lembrou, é importante que ese posible comprador “veña da man dun socio enerxético cun plan que lle dea á planta viabilidade a quince ou vinte anos”, dado que a subministración eléctrica representa a maior porcentaxe de custos de produción do aluminio e este tipo de industria é considerada como electrointensiva polo seu elevado consumo.

En canto ás seis compañía interesadas na compra de Alcoa, recoñeceu que “as empresas son fortes, pero ata que empecen a facer ofertas, de momento non hai nada“. “Non é fiarse ou non fiarse, levamos un ano e aínda non vimos un papel asinado. E mentres non haxa papeis asinados só estamos a falar de castelos no aire”, insistiu.

“PROBLEMA DE COVID”

Aínda que o comité ten reunións “pendentes para esta semana”, a que ía manter este mércores cunha delegación de Alvance, a división de aluminio do grupo Liberty -e a primeira compañía que se interesou pola compra da fábrica de San Cibrao-, finalmente non vai celebrarse “por un problema de Covid”.

En todo caso, Zan confía en que o responsable da empresa que tiña previsto participar nesa reunión “se quiten ese problema pronto e poidan visitarnos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here