O PP cualifica de “irresponsable” ao Goberno central polos seus “vaivéns” sobre Alcoa

"Toda a información que chega do Goberno de España confunde e preocupa", di Elena Candia.

Elena Candia. AXM

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, cualificou de “irresponsable” a actitude do Goberno central cos vaivéns sobre a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao.

Candia apelou a que “analizando todos os feitos con gran realismo, a verdade é que a actitude do goberno de España está a ser irresponsable e incomprensible”. Ante o anuncio da viaxe da ministra de Industria, Reyes Maroto, a Estados Unidos á sede a multinacional do aluminio, esta dirixente popular afeou que iso “se tería que facer hai bastantes meses”. “Seguimos sen saber que papel vai xogar a SEPI a pesar de que hai un acordo no que todo o mundo votou a favor á proposta do goberno na que parecía que sentaban as bases dunha operación seria”, censurou.

O que máis sorprende a Candia é que “agora” teñen “informacións positivas”. “Sabemos que hai compradores interesados, onte (martes) saía unha información sobre un máis que está disposto a acometer investimentos”, sinalou.

A xuízo da tamén parlamentaria do PP por Lugo “fíxose o difícil (polos compradores) e falta o que se daba por feito que é a implicación do goberno de España, do PSOE e dos alcaldes da Mariña para defender a continuidade dos postos de traballo de Alcoa“.

Elena Candia abundou en que “toda a información que chega do Goberno de España confunde e preocupa“. “Onte (martes) intercambiei impresións co presidente do comité de empresa, e non podemos rebaixar as reivindicacións e as presións. Merecémonos unha actuación con máis rigor e seriedade”, subliñou.

Candia lamentou que foi o “estatuto” para industria electrointensivas a “orixe do problema”. “Todo o que nos uniu é esta operación de venda coa intermediación da SEPI”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here