InicioEconomíaRibadeo acolle as xornadas do Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos...

Ribadeo acolle as xornadas do Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos ata o 27 de agosto

Este X Fórum de Innovación e Formación está organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) e dentro del haberá actividades formativas e talleres prácticos.

Publicada o

- Advertisement -

O acto de inauguración deste X Fórum contou coa presenza de varias autoridades ademais do presidente de APAGA, Álvaro Doural, quen agradeceu a presenza dos representantes das institucións presentes polo seu apoio ao Fórum. Ademais, Doural tamén subliñou que “esta actividade está homologada pola Consellería de Educación, con 34 horas de formación”.

Por outra parte, o presidente de APAGA destacou a necesidade diaria de adaptar o espazo das instalacións para a celebración dos talleres e das clases teóricas. Finalmente quixo lembrar aos e ás presentes que “temos unha actividade na sala que nos cedeu o Concello, na Casa de El Viejo Pancho, que é unha exposición de pintura da artista murciana Esther Páez, que decidiu traer os seus cadros a Ribadeo”. A exposición inaugurarase ás 20:30. Tanto as actividades formativas e outras paralelas seguirán durante toda a semana no local de APAGA.

A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, manifestou que “este é un foro plenamente consolidado con esta décima edición, con tres xornadas de obradoiros, visitas e tamén a presentación de vehículos e tecnoloxías por parte de empresas”. Barreiro tamén destacou a homenaxe que este ano se lle fai a José Barro, “un pioneiro a principios do século XX quen creou unha fábrica de montaxe de vehículos en Chavín, en Viveiro, cando en España só un de cada 200.000 habitantes tiña un vehículo”. Barreiro felicitou a APAGA por todas s actividades que leva facendo no ámbito da formación para a automoción en Galicia e no ámbito da Formación Profesional.

A deputada provincial delegada de Economía, Mayra García, sinalou que “desde a Deputación cremos que é fundamental a colaboración da institución provincial con todo o tecido asociativo e profesional da provincia”. García destacou o feito de tratárense dúas cuestións fundamentais para o presente e o futuro da automoción. A primeira é a referida á maquinaria forestal e a segunda todo o que ten que ver cos vehículos eléctricos que “son parte do presente e fundamental para o futuro se queremos avanzar na transición ecolóxica”.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense e alcalde de Foz, Fran Cajoto, quen remarcou a adaptación da automoción, aínda máis “cando hai uns cambios tan profundos no sector da automoción eléctrica que está empuxando moi forte”. Cajoto non deixou de sinalar este período de cambio “coas tensións que iso conleva e coa adaptación que hai que facer, quen se poña diante vai ser quen teña máis opcións no futuro”.

O concelleiro de Medio Ambiente en Ribadeo, Jorge Díaz, salientou que “queremos agradecer a APAGA que outro ano máis contara con Ribadeo para organizar este fórum”. Jorge Díaz lembrou que “este lugar no que estamos foi un taller de chapa e pintura durante moitos anos que se chamaba Talleres Paco, que foi un home que apostou no seu día e era un referente en chapa e pintura”. Por último, o concelleiro lembrou que por parte do Concello “estamos aí para axudar no que poidamos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...