InicioEconomíaEduardo Míguez: "desde estes dous últimos anos somos máis conscientes da falta...

Eduardo Míguez: “desde estes dous últimos anos somos máis conscientes da falta de relevo xeracional na pesca”

Eduardo Míguez é director adxunto á empresa Porto de Celeiro S.A. Unha empresa que naceu das novas políticas pesqueiras tras a entrada na UE e tamén na procura dunha maior eficiencia na captura, venda e consumo dos produtos do mar. Agora, o grande reto que se lles presenta por diante é o relevo xeracional dentro das embarcacións.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal era a necesidade de crear unha entidade como Porto de Celeiro?

En 1993 a Xunta saca un decreto onde indica que, como as confrarías de pescadores pasaban a ter persoal funcionario, deberían ter dúas seccións. Unha delas sería de orientación que sería a parte de funcionarios e outra de produción, a parte que levaba as poxas de peixe, vendas e tema mercantil sen persoal funcionario. Por tanto, a parte funcionarial desenvolvería a orientación e a parte máis mercantil podería desenvolverse mediante a unión de empresas para levar adiante esa actividade. Desa maneira nace Porto de Celeiro S.A., onde todos os armadores, desde os máis pequenos aos de altura, constituíron esa sociedade anónima e puxeron o seu diñeiro e desa maneira nace Porto de Celeiro.

-Houbo que instalar esta nova empresa fóra da confraría?

De primeiras alugáronse as instalacións á Confraría de Celeiro. Despois, para o ano 2000 constrúense unhas novas instalacións como a nova lonxa. Tamén se buscaba darlle unha visión máis empresarial á xestión da pesca, pois até daquela só se sabía pescar mais non se sabía o que sucedía co peixe despois da venda. En 1993 tamén había unha crise económica importante e de aí nace a idea de facer diferenciación, falar de custes e crear marca facendo da pesca do Porto de Celeiro unha marca e non un xenérico. Todo isto trouxo unha profesionalización dun sector que era moi tradicional.

-Os cambios na pesca en Celeiro desde que se entrou na UE deberon ser profundos.

Cando se entrou en 1986 na UE había unha lista, a Lista dos 300. Era o número de buques españois con autorización para pescar nas augas da Unión naquel tempo. O primeiro cambio máis profundo foi que de trescentos quedan oitenta e seis. Nese tempo había unha cota para todos os barcos que pescaban en augas comunitarias. Agora mesmo as cotas son individuais para cada unha das embarcacións que pescan en augas da UE. Tamén o acceso ás augas de pesca é o mesmo para todos mais en función da cota asignada. Tamén agora hai moitos máis controis, máis respecto polo medioambiente porque hai máis conciencia sobre que se debe seguir pescando no futuro. Toda a mentalidade arredor da pesca cambiou moito, non só para os pescadores senón tamén como consumidores.

buscabamos darlle unha visión máis empresarial á xestión da pesca, pois até daquela só se sabía pescar mais non se sabía o que sucedía co peixe despois da venda

 

-Cal foi a razón pola que o número de buques pesqueiros baixou tanto?

Houbo un abandono moi importante da actividade pesqueira. Tamén houbo unha compra de buques con anos de actividade que logo foron desmontados. Iso fixo que a empresa acumulase dereitos de pesca nos outros barcos. É un proceso de concentración de máis dereitos para menos barcos. O sistema anterior non permitía a sustentabilidade económica, social e de recursos no sector da pesca. Por tanto, cos recursos que tiña cada barco daquela, a actividade non lles resultaba viable. Entón houbo que adaptar o número de barcos ás cotas fixadas para poder pescar.

-Iso implicou tamén o recambio na frota, pasar de barcos de madeira a metal ou fibra de vidro?

A partir de 2006 hai unha renovación importante de toda a frota. Aquí fixéronse planos de renovación dos barcos de baixura en conxunto, mais tamén se constrúen buques durante ese período. A crise de 2008 colleunos cunha frota moi renovada mais tamén moi endebedada. A consecuencia foi unha maior incidencia que noutros portos onde non se fixera renovación. Críamos e seguimos crendo que foi acertada a compra de dereitos para renovar os barcos, cousa que nos mantén a este porto en bo estado.

En 1993 tamén había unha crise económica importante e de aí nace a idea de facer diferenciación, falar de custes e crear marca facendo da pesca do Porto de Celeiro unha marca e non un xenérico

-Outro tema é a renovación xeracional dentro do traballo pesqueiro. De que maneira están afrontando que cada vez haxa menos xente nova interesada en traballar no mar?

Levamos anos falando da falta de relevo xeracional tanto en cargos como en tripulacións pesqueiras. Aínda máis, desde estes dous últimos anos, 2020 e 2021, somos moitos máis conscientes da falta de relevo xeracional. A falta de mariñeiros estase cubrindo con persoal estranxeiro, sobre todo indonesios e noutros portos con outras nacionalidades e procedencias. Nos cargos estamos traballando no sector da FP dual, mais non cubre todas as necesidades e tamén queremos abrir en Galicia ciclos para o manexo de motor e de ponte. Entendemos como necesario achegar a formación aos nosos portos para termos máis titulados porque nuns anos haberá falta de cargos. Por outra parte, hai que facer atractiva a pesca e para iso fixéronse melloras como a habitabilidade e a conectividade a Internet, a xente nova non pode entender unha vida sen conexión. Todas as novidades na pesca hai que comunicalas e para iso hai que achegarse ás escolas e aos centros de formación náutica para comunicar todas as melloras.

-Cal foi a última acción para captar xente que queira traballar no mundo do mar?

A última campaña foi coa Universidade Náutica da Coruña hai dous anos. En 2020 traballamos co IES María Sarmiento de Viveiro e a Consellería de Educación. Este curso faranse charlas divulgativas e tamén se ofertará, en canto o aproben definitivamente, un novo ciclo formativo. Tamén temos o programa “Mariñeiros por un día” en colaboración coa Confraría de Celeiro para traer alumnos de centros escolares para que coñezan como é o traballo do mar, ademais de como se captura o peixe e os beneficios do seu consumo para a súa saúde.

A falta de mariñeiros estase cubrindo con persoal estranxeiro, sobre todo indonesios e noutros portos con outras nacionalidades e procedencias

-Como afectou a COVID a Porto de Celeiro?

Non sabiamos como nos afectaría así que tomamos moitísimas medidas de seguridade. Cando se falaba de vacinación, pedimos que se fixese o máis axiña posible polas escasas dimensións dos barcos. De primeiras non houbo moitas incidencias mais cara ao final si que se xuntaron casos. É certo que os sistemas de control funcionaron moi ben, mais si tivemos incidencias con tres ou catro barcos. Na lonxa houbo casos puntuais, non houbo grandes incidencias.

-O produto estrela do Porto de Celeiro é a Pescada do Pincho. Por que este produto?

Todo cae polo seu peso. Hai anos había barcos de pincho, volanta e outras artes que ao final, a maioría pasaron ao palangre ou pincho, así que finalmente había moita pescada nas poxas da lonxa. Durante a crise de 2008 foron perdendo os barcos de arrastre, de feito só temos un arrastreiro do Gran Sol. Nos últimos anos tamén é certo que temos unha frota de pincho, mais tamén hai barcos que van á volanta. Estamos facendo tamén promoción de pescada de volanta de Celeiro. Tamén facemos promoción da xarda e durante o verán temos o bonito, aínda que é certo que durante os últimos anos non hai moitos boniteiros. Máis alá tamén temos sardiña, xurelo, maruca, congro ou rodaballo.

-Superada a pandemia ou pasado o 2021, cales son plans a medio prazo?

Primeiro fomentar o recambio xeracional, fomentar a formación de titulados e dixitalizar o mercado e a venda. Tamén traballamos en Redes Sociais para achegar os beneficios do consumo de peixe, porque até o ano pasado o consumo estaba baixando entre os matrimonios novos e xente moi nova.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...