InicioEconomíaAlcoa responsabiliza ao Goberno da actual situación por non ter un "marco...

Alcoa responsabiliza ao Goberno da actual situación por non ter un “marco enerxético”

"Antes de que vendamos ten que resolver o marco enerxético", din desde a multinacional. Advirte que a folga que empeza este luns terá un "impacto negativo" para o futuro das plantas de alúmina e de aluminio,

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa lamenta o inicio dunha folga fixado para este luns na planta de San Cibrao, en Cervo, e afirma que “o que contribuiría á solución” nesta fábrica non é o paro “senón unha verdadeira solución do Goberno ao problema da enerxía eléctrica“.

Neste sentido, nun comunicado remitido aos medios de comunicación, a multinacional comprométese “a seguir adiante coa transferencia da planta a un terceiro”, pero puntualiza que “primeiro debe resolverse o marco enerxético”. “O que contribuiría á solución non é unha folga, que ten un impacto negativo para o futuro das plantas de alúmina e de aluminio, senón unha verdadeira solución do goberno ao problema da enerxía eléctrica“, incide.

Advirte Alcoa de que “necesita claridade e certeza de que haberá un marco enerxético competitivo real para un potencial comprador co fin de evitar os posibles riscos para a compañía e para os traballadores que leva desinvertir unha planta inviable”. E é que, segundo apunta, “todos os potenciais compradores pediron garantías no marco enerxético ou un apoio financeiro moi significativo nas súas ofertas”.

“Se o goberno non pode garantir un marco enerxético competitivo, Alcoa está disposta a progresar inmediatamente coa transferencia da planta a SEPI (sociedade estatal de participacións industriais)”, engade.

Así, mantén a súa “disposición para buscar solucións nunha contorna de paz social“. “O inicio dun proceso de transferencia directa só é posible se a planta conta cunha saída clara cara á viabilidade financeira, o que require un marco enerxético estable e competitivo”, subliña a empresa.

Nesta liña, reitera as súas críticas a que “non se estea abordando o tema clave, que é a enerxía non competitiva” e lembra a súa “vontade de seguir traballando, xunto aos gobernos central e autonómico, na procura dunha fórmula para o posible traspaso directo da planta a un terceiro”.

PROPOSTA DE FINAIS DE XULLO

A este respecto, remite á proposta que presentou o 30 de xullo “que buscaba atopar unha forma de traballar co Goberno nacional, Xunta, sindicatos e representantes dos traballadores para abordar os problemas enerxéticos da produción de aluminio primario e obter garantías sobre o prezo da electricidade”.

A proposta prevía a continuidade das operacións da planta ata o 31 de xullo de 2022 “para dar tempo a atopar unha solución sobre a enerxía”. “Unha vez resolto este problema, Alcoa emprendería un novo proceso de traspaso da planta, previa confirmación expresa da solvencia dun comprador a través de instrumentos do Estado, conforme ofrecera a Ministra de Industria, Comercio e Turismo”, indica.

“MÁIS DO TRIPLO”

Alcoa insiste e que a planta de aluminio de San Cibrao “non é viable debido ao marco enerxético pouco competitivo en España”. Actualmente, segundo sinala, paga un prezo medio anual de ao redor de 95 euros por MWh, “máis do triplo do que paga a compañía en calquera outra planta de aluminio do mundo”.

“Mesmo cos prezos do aluminio en máximos de 10 anos, a planta de aluminio de San Cibrao segue sendo inviable debido ao prezo da electricidade”, manifesta o vicepresidente executivo e director comercial global de Alcoa, Tim Reyes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...