InicioEconomíaBasilio Otero, confraría de Burela: "Estamos a favor da eólica mariña sempre...

Basilio Otero, confraría de Burela: “Estamos a favor da eólica mariña sempre que non elimine o noso medio de vida”

As confrarías do Cantábrico e do Noroeste asinaron un documento, O Manifesto Burela, para deixar constancia do seu temor ante a posibilidade de perderen aquilo que os sustenta, a actividade pesqueira. A hipotética instalación de parques eólicos mariños entre A Mariña e Ortegal podería impedir a continuidade da pesca independentemente das artes que se usen. Basilio Otero, presidente da Confraría de Pescadores de Burela aclara algúns puntos sobre este manifesto e os motivos que o inspiraron.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales son as bases do Manifesto de Burela.

Moi fácil, estamos a favor do desenvolvemento económico da zona, a prol da implementación de novos postos de traballo máis técnicos. Con todo, estamos en contra de que esa implementación de postos e a creación de parques eólicos acabe coa nosa maneira de vida que é a pesca.

-Sábese cales serían as zonas máis afectadas na costa norte?

Non, de momento o que hai é unha falacia. Aínda que Iberdrola presentou dous proxectos de parques eólicos, un en San Brandán e outro en San Cibrao, non se pode dicir nin facer nada até que os POEM (Planos de Ordenación do Espazo Marítimo) estean aprobados, cousa que polo de agora non se fixo.

-En caso de levar para adiante un proxecto como este, cales son as condicións que vos gustaría poñer ás confrarías sobre a mesa?

Nós só temos unha condición, que eses parques eólicos non interfiran no labor de pesca, simplemente.

estamos a favor do desenvolvemento económico da zona, a prol da implementación de novos postos de traballo máis técnicos

-Mais existe suficiente plataforma marítima diante da costa de Ortegal e Mariña para introducir parques eólicos?

Si, si que hai. Outra cousa é a distancia que terían que coller con respecto á costa.

-Noutros lugares de Europa onde hai instalacións de eólica mariña, teñen prexudicado á pesca?

Non é comparable. A nosa plataforma pesqueira é de 25 millas cando noutras partes de Europa hai 700 millas de plataforma pesqueira. Non se pode comparar polo tanto.

Nós só temos unha condición, que eses parques eólicos non interfiran no labor de pesca, simplemente

-A Consellería de Mar sinala que espera que a actividade eólica mariña se desenvolva co equilibrio e respecto á actividade pesqueira.

Moita retórica. Levamos moitos meses con reunións cos diferentes departamentos da Xunta. Díxosenos que o presidente da Xunta sinalara, eólica mariña si sen interferir no sector pesqueiro. Iso é o que defendemos, todo o demais é retórica que podo respectar mais non ten nada que ver co mantra do Observatorio da Eólica Mariña. Insisto, estamos a favor da eólica, a favor da creación de postos de traballo cualificados, a favor do investimento millonario destes plans sempre e cando non interfira no noso modo de vida.

-Cales son as artes de pesca máis prexudicadas por estes parques eólicos?

Afecta a todas as artes por igual. Ao marisqueo non, aínda que esta actividade na Mariña é residual.

-Os muíños poderían afastar da costa as especies pesqueiras?

Non podo dicir nada sobre iso, non hai estudos concluíntes sobre ese punto. Só temos claro que pode botar fóra ao sector pesqueiro. Iso non estamos dispostos a toleralo. Podo dicir que a postura é a mesma desde o País Vasco até a Galicia. Se os eólicos non interfiren na pesca, mesmo poderíamos colaborar loxisticamente con eles.

VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E ECONOMÍA

A vicepresidencia segunda da Xunta e Consellería de Economía respondeu a un email de Xornal da Mariña sobre estes proxectos eólicos na costa. En primeiro lugar, o departamento de Francisco Conde sinala que a prioridade “é que o desenvolvemento a futuro da eólica mariña se realice desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema mariño”.

No seu intento por buscar unha posición de consenso entre os dous sectores, pesqueiro e eólico, o goberno galego respondeu coa creación do Observatorio da eólica mariña. A finalidade é dar unha resposta mediante “un punto de encontro onde identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas”. Vicepresidencia segunda sinala que xa se crearon os primeiros grupos de análise sobre o impacto das estruturas eólicas na cosa.

Non obstante, Vicepresidencia segunda adopta unha postura defensiva en canto que dentro da súa resposta engade que “toda manifestación externa ao observatorio é respectable, pero agardamos que volvamos á dinámica habitual de que todos os posicionamentos que se defendan desde Galicia sigan sendo no marco do Observatorio”. Ademais disto engade que “agora mesmo non existe a posibilidade de que un promotor poida tramitar un parque eólico mariño ata que o Goberno aprobe as zonas dentro do plan sectorial”. A resposta definitiva virá do POEM que emita o Ministerio de Transición Ecolóxica para delimitar as áreas onde se poderían instalar os aeroxeradores.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...