A patronal de Ribadeo apoia a folga xeral convocada para o mércores 17 en toda a Mariña

O presidente de ACISA Ribadeo insistiu en que as administracións deben poñerse a traballar de inmediato, "sobre todo as que teñen competencias na materia que nos ocupa”.


A patronal ribadense apoia a folga xeral comarcal e a manifestación prevista o mércores, 17 de novembro, aínda que destacan que cada establecemento individualmente será quen decida se secundala ou non.

O presidente do colectivo empresarial, Francisco Iriarte, dixo que “esta comarca leva anos abandonada polas principais administracións e a actual situación que estamos a vivir é boa mostra diso”. Iriarte sinalou que a Mariña necesita dun proxecto de renovación, que pase pola reindustralizacion, pola mellora das comunicacións, a mellora dos servizos públicos e que xere postos de traballo e fixe poboación.

“Non podemos depender exclusivamente do turismo, debemos abrir mais o abanico de actividades económicas”. Desta maneira, o presidente de ACISA Ribadeo insistiu en que as administracións deben poñerse a traballar de inmediato, “sobre todo as que teñen competencias na materia que nos ocupa”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “A Mariña está a pasar por momentos duros e polo tanto é preciso que todos esteamos unidos cando a pouca industria da comarca está a ser desmantelada e o futuro de moitas familias en xogo”. Pérez remarcou que o comercio, a hostalaría e os servizos viven durante o ano dos veciños e das veciñas de Ribadeo e tamén dos da nosa comarca.

“O turismo é moi importante, pero iso dura uns meses e o resto do ano é moi longo e duro”. Tamén se reivindican dos servizos e infraestruturas dignas que terían un impacto positivo tamén na economía da comarca, infraestruturas “coma o tren, as estradas e o hospital”.

Iriarte sinalou que “por iso dende Acisa, como colectivo empresarial, apoiamos as reivindicacións que dende os sindicatos levan a convocar esta folga xeral comarcal e polo tanto tamén apoiamos a súa convocatoria. Precisamos que nos escoiten e para iso temos que facernos oír.”

Pérez puntualizou que “isto non quere dicir que todos os negocios secunden a folga, o que quer dicir é que Acisa, como colectivo, apoia a convocatoria e as súas reivindicacións, pero cada negocio ten liberdade absoluta para decidir se a secunda ou non”.

Aínda así, dende Acisa fíxose unha consulta sobre a folga e temos que dicir que sos moitos asociados e asociadas os que responderon. Unha inmensa maioría apoia as reivindicacións, “aínda que pola súa actividade igual non poden pechar e algo mais do 75% dos establecementos consultados pecharán o mércores pola maña para apoiar esta convocatoria”.

Iriarte Quintana engadiu, “cada negocio debe tomar as súas decisións, e non debemos xulgalas, xa que detrás dunha decisión sempre hai moitos motivos”. Pérez Prada concluíu, “dende Acisa Ribadeo faremos chegar unha imaxe para que cada negocio poida imprimir e colgala nas súas redes ou nos seus escaparates en apoio a esta convocatoria”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here