InicioEconomíaFran Cajoto: "Estou satisfeito por como se traballa en A Mariña en...

Fran Cajoto: “Estou satisfeito por como se traballa en A Mariña en Ruta fóra de cores políticas”

Fran Cajoto, alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, ten un reto por diante, "A Mariña en Ruta", unha iniciativa que pretende dinamizar a comarca desde o turismo. Un turismo respectuoso co medio, interesado en recuperar espazos e vellas rutas usadas para minaría, transportes, revitalizar o Camiño do Mar e máis espazos que permaneceron esquecidos e ocultos durante moito tempo. Para Cajoto é vital desestacionalizar o turismo de cara a ofrecer máis oportunidades de emprego.

Publicada o

- Advertisement -

-O primeiro que quería preguntarlle é como nace o proxecto A Mariña en Ruta e cales foron os principais motivos que levaron a poñelo sobre a mesa.

A Mariña en ruta é un proxecto xa asentado, constituído co obxectivo de ofrecerlle aos visitantes -pero tamén aos propios mariñaos- unha viaxe distinta pola nosa comarca. Ás paraxes e paisaxes espectaculares engádese a historia, historias e explicacións duns guías que son grandes profesionais e o éxito fala por si só. O mérito é realmente da propia Mariña, un territorio que ten moitísimo que ofrecer.

-Como foi o labor de buscar enclaves que non fosen os xa coñecidos da comarca? Que fontes consultaron?

Mérito da xerente e das empresas colaboradoras. Falamos con técnicos de turismo dos concellos e con profesionais do sector. Búscase alternar concellos, escenarios, que cada ano sexa distinto. Afortunadamente hai variedade e iso posibilita que A Mariña en Ruta siga máis viva ca nunca, na Mariña temos un fermoso Cantábrico e un interior con un enorme potencial. Só hai que ver os escenarios deste ano, A Fraga Vella, Trabada, Burela, A Pontenova, Riotorto, San Estevo do Ermo, un tramo do Camiño Norte entre Lourenzá e Mondoñedo, Viveiro, San Román no Vicedo ou Portocelo.

-Por outra parte, como foi o proceso de conseguir consenso para este proxecto entre todos os concellos da comarca? Existiron reticencias entre as diferentes corporacións municipais?

Como che dicía imos rotando cada ano, distintos escenarios e distintos concellos. Estou moi satisfeito por como se traballa conxuntamente no seo da Mancomunidade, fóra de cores políticas, especialmente no campo turístico. Somos un único destino turístico e a verdade é que non está a resultar difícil, a unanimidade está presente en practicamente todas as accións.

A variedade permite que A Mariña en Ruta siga máis viva ca nunca

-Ademais da Mancomunidade están implicados Xunta e Deputación. Cales foron as ideas forza, as motivacións que lles presentaron a estas administracións para apoiar un proxecto como este?

A Mancomunidade da Mariña como xestor do destino leva tempo traballo por un turismo tranquilo, de calidade. É a nosa filosofía,  respecto aos recursos naturais, arquitectónicos e culturais. A posta en valor e a difusión de calquera enclave turístico baseámolo nese respecto. Temos que agradecer a ámbalas dúas administracións que nos acompañen e, moi importante, nos financien. Os recursos dos concellos son moi limitados e o apoio das administracións é capital. O turismo é tamén unha moi importante fonte de emprego e procuramos desestacionalizalo, para evitar masificacións e para que aumente a duración dos postos de traballo e se reduza a temporalidade.

-Apuntaba antes o de dar con lugares pouco o case descoñecidos da Mariña. Houbo que facer traballos importantes de rehabilitación e acondicionamento para poñer en marcha A Mariña en Ruta?

A Mariña en Ruta apóiase nas infraestruturas xa existentes, que manteñen en xeral os distintos concellos. Hai moitas máis rutas na Mariña das que somos capaces de imaxinar. Quizás a diferencia principal deste proxecto é a forma de dar sentido e contido a un paseo. Coas explicacións oportunas, pasamos a ver o territorio cos ollos do guía e somos capaces de valoralo.

Os recursos dos concellos son moi limitados e o apoio das administracións é capital

-A posta en valor de todos estes espazos poderá traducirse a medio-longo prazo nunha recuperación ou polo menos, mellor conservación de espazos naturais e etnográficos?

Para conservar hai que concienciar. E debemos concienciar ensinando, dándolle valor aos espazos. Unha boa posta en valor é fundamental, aquilo que se coñece, que se admira, adquire relevancia a ollo de veciños e visitantes.

-Sobre isto último, ampliaranse as diferentes rutas ou existe expectativa de abrir novos percorridos?

Por suposto, ano a ano iremos incorporando novas rutas que estamos convencidos serán de gran interese. É un proxecto vivo, quizais máis vivo ca nunca.

-Desde o comezo das actividades, téñense feito rexistros de afluencia para comprobar de onde proceden os e as usuarias?

Estanse a facer rexistros, ao rematar as xornadas da Mariña en Ruta presentaremos un balance dos visitantes recibidos e dalgúns datos de interese. Teño que dicir que estamos moi satisfeitos.

Para conservar hai que concienciar e debemos concienciar ensinando, dándolle valor aos espazos

-Quen visita máis estas rutas?

Vén xente de moitos perfís, non poderiamos establecer un visitante tipo. Este é outro trazo característico da Mariña en Ruta, é completamente transversal, pódena facer desde nenos a xente de terceira idade.

-Recollen testemuños de persoas visitantes para ter as súas impresións sobre estes camiños? Cales son os aspectos máis comentados?

A xente sorpréndese das paisaxes. Hai persoas de fóra de Galicia que o valoran especialmente. A proximidade do mar, ríos, fervenzas e montañas en pouquiños quilómetros tamén é bastante chocante para os visitantes. Moitos queren repetir e xa nos piden praza para o vindeiro ano. Ese é o mellor indicador do éxito.

-Esperan recibir axudas desde os fondos europeos Next Generation para mellorar, ampliar ou iniciar novas actividades que non se puideran ter feito até o de agora?

A Mancomunidade vai poñer en marcha un Plan de Sostibilidade Turística de 2,25 millóns de euros cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, Xunta de Galicia e a propia Mancomunidade. O convenio entre administracións vaise asinar o vindeiro mes de decembro e o traballo real comezará en xaneiro do próximo ano 2022. O Plan de Sostibilidade supón un salto cualitativo, é xogar noutra liga. Co plan, por exemplo, imos sinalizar e poñer en valor o Camiño do Mar a Santiago. que percorre todos os concellos de costa da nosa comarca.

-Cal sería a afectación máis grave que lle podería ocorrer a estas rutas?

Hai riscos, pero quizais o máis grave é o abandono. O mantemento de camiños, viais e rutas é moi costoso para os concellos. Unha ruta ten motivo cando se usa, cando disfrutamos dela. Por iso a promoción é importante, fundamental, para que non caia no olvido.

Moitos queren repetir e xa nos piden praza para o vindeiro ano, ese é o mellor indicador do éxito

-Cren que os proxectos de aeroxeradores, tanto terrestres como mariños, poidan interferir no desenvolvemento futuro da Mariña en Ruta?

Cremos que o desenrolo debe ser sempre compatible co respecto ao entorno. Hai que aplicar a normativa medioambiental e se é necesario modificala, como no caso da distancia dos aeroxeneradores ás vivendas, que hai que incrementar. A enerxía eólica é unha enerxía renovable, limpa e de futuro. e hai que promovela. Onde? Pois naqueles puntos que non provoquen un problema maior que o beneficio que aportan. Hai que coordinar a implantación de eólicos: o territorio é o suficientemente amplo e ben traballado pode ser unha gran oportunidade.

 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...