Presentado o Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña no CENIMA de Foz

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñou “o que supón para unha comarca como a nosa un impulso de 2.225.000 euros, que van incidir nun obxectivo moi claro, que é traballar na desestacionalización do turismo".


O Cenima, en Foz, acolleu esta mañá a presentación do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024. No acto participaron o presidente do ente, Fran Cajoto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones. Alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, asistiron ao evento celebrado hoxe.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñou “o que supón para unha comarca como a nosa un impulso de 2.225.000 euros, que van incidir nun obxectivo moi claro, que é traballar na desestacionalización do turismo, conseguir xerar produto e que máis visitantes e un turismo de calidade se achegue a coñecernos, sobre todo apoiándonos no que temos e que hai que poñer en valor: o noso impresionante patrimonio natural, pois temos 9 cascadas, moi pretiño unhas das outras; lugares como a ría de Ribadeo, que é zona ZEPA, a propia ría de Foz,…; todo o interior, a serra do Xistral; temos un patrimonio arquitectónico que é envexable, como o Ribadeo indiano, a catedral de Mondoñedo, a basílica de San Martiño, o mosteiro de San Salvador, de Lourenzá, todo o casco histórico de Viveiro coas súas igrexas, Sargadelos, en Cervo, … E poderíamos estar citando máis e mellor opcións para ver e visitarnos. Apoiados tamén nunha gastronomía e nun clima que é o mellor que temos en España porque cando temos un cambio climático co que nos abafan as temperaturas a Costa Norte, cunhas temperaturas estables e suaves durante todo o ano, e agora co soliño un día coma hoxe, invita a vir aquí”.

E engadiu: “teño que agradecerlle tanto á Secretaría de Estado de Turismo como á Xunta de Galicia e tamén á Deputación de Lugo a aposta que fixeron por esta comarca porque souberon ver o potencial que nós somos conscientes que temos e que agora esperamos desenvolver”.

Tania Hermida, técnica de Turismo da Mancomunidade, na súa intervención dixo que “a xustificación do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, que se presentou, ven dado pola presenza no territorio de moitas áreas rurais que están en proceso de despoboamento e que contan con recursos ata o de agora escasamente postos en valor, cun potencial turístico susceptible de aproveitamento, pero con déficit na xestión turística pola carencia de recursos humanos e económicos do ente xestor coma dos concellos, ademais da perda continua de poboación (o 6,9 % nos últimos 10 anos), dándose o descenso máis forte nas zonas de interior. Aínda que o total dos municipios que conforman o destino turístico superan os 70.000 habitantes (en concreto ten 71.804), o certo é que este territorio presenta unha dicotomía entre a costa e o interior, posto que a maior parte da poboación concéntrase no litoral costeiro (79%) e os municipios ou zonas de interior presentan unha menor dinámica económica e, por tanto, un menor peso poboacional”.

Para Hermida “o obxectivo para por trazar un plan para impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico na busca dun modelo máis competitivo, innovador e participativo e á vez recuperar a confianza na seguridade do destino”. Para Fran Cajoto e Tania Hermida este plan “preséntase coma unha oportunidade de establecer un marco estratéxico de traballo a longo prazo para afrontar con éxito un desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here