Os socialistas da Mariña esixen a Feijóo que se implique na instalación de Altri: “É o momento da Xunta”

A deputada Patricia Otero aféalle ao goberno galego que non reciba aos alcaldes e alcaldesas da zona para traballar de forma conxunta na consecución deste obxectivo.


A deputada socialista Patricia Otero instou hoxe ao goberno galego –e nomeadamente ao seu presidente e ao conselleiro de Industria- a que “fagan uso da súa responsabilidade para propiciar que empresa de fibras téxtiles Altri se acabe instalando na comarca da Mariña”, tal e como vén reclamando o Partido Socialista dende que se coñeceu esta posibilidade.

“Agora é o momento da Xunta”, proclamou Otero, tras lembrar que o traballo feito polo PSdeG –xunto a presión dos representantes municipais da zona e da propia Mancomunidade- conseguiu onte no Parlamento de Galicia que tanto o PP como o BNG se sumasen e respaldasen a proposta para que ”Altri veña para A Mariña”.

“Que van facer vostedes agora?”, preguntou a parlamentaria socialista para, a continuación, demandarlle á Xunta que “se sume a ese acordo pola Mariña”, que “abandone a súa ambigüidade” e que “non se esconda”. “Se Altri non se instala na Mariña”, advertiu Otero, “ a Xunta incorrerá nunha grave irresponsabilidade”.

Así, incidiu en que -se esa posibilidade non se materializa- o goberno galego “terá que render contas ante os alcaldes e alcaldesas da zona e ante a propia veciñanza”. A eles “teranlle que explicar por que tendo a materia prima e un grave problema de crise industrial non se traballou e se puxo toda a carne no asador para conseguir que Altri se instale na comarca”.

Nesta liña, resaltou a importancia de que a factoría vaia para A Mariña, “non só pola grave crise industrial que está a vivir esta comarca, senón pola importancia que o sector forestal ten nela, na que o 69,72 por cento da súa superficie é masa forestal e no que se atopa a maior zona de produción de eucalipto”. “A Mariña”, remarcou, “é punteira no sector forestal, pero non ten a industria que a complemente e lle dea valor engadido”.

Así se manifestou hoxe Patricia Otero nunha interpelación ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, no Pleno do Parlamento. Na Cámara autonómica -e coa presencia do tenente de alcalde de Viveiro, a tenente de alcalde de Alfoz, o alcalde do Valadouro, a alcaldesa de Trabada e o alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios- a deputada socialista tamén lle pediu explicacións a Francisco Conde pola falta de resposta ás cartas enviadas polos representantes municipais da zona de cara a traballar de forma conxunta para acadar o obxectivo de que Altri emprace a súa factoría na comarca lucense.

Neste contexto, lamentou que a Xunta siga a dar a calada por resposta a esta solicitudes e urxiu ao conselleiro a recibilos canto antes para darlles toda a información que a Xunta ten sobre este tema. “Por que non se lles informa dos estudos que se están a realizar para propiciar a implantación de Altri na Mariña e por que non se lles brinda a posibilidade de colaborar coa empresa?”, preguntou.

Ao mesmo tempo, recordou que os representantes municipais –que son de todas as cores políticas- xa amosaron toda a súa disposición a ofrecer os terreos para que ese emprazamento sexa unha realidade. Subliñou ademais que a colaboración dos concellos pode resultar fundamental para “poñer solucións enriba da mesa ante posibles atrancos”.

En definitiva, Patricia Otero insistiu en que a Xunta debe asumir o compromiso claro e inequívoco de que Altri se instale na Mariña, así como recibir a alcaldes e alcaldesas para avanzar nese obxectivo e, logo, “todos xuntos traballaremos para que os fondos Next Generation poidan financiar este proxecto”. “Non fagan ao revés”, advertiu, “porque os fondos van depender do proxecto que se presenta e non de onde se instala a fábrica”.

FRANCISCO CONDE

Pola súa banda, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, comprometeuse a cumprir o acordo parlamentario –deste martes– a propósito da fábrica de téxtiles na Mariña –ou a provincia de Lugo se as cuestións técnicas non o permiten–, pero pediu implicación ao Goberno central.

Así, en resposta a unha interpelación da deputada socialista Patricia Otero, o tamén conselleiro de Empresa e Innovación asegurou que a Xunta asume “integramente” o acordo plenario e, por tanto, dará “cumprimento a ese acordo”. “Máis claro non se pode ser”, manifestou.

Na súa intervención, pediu que o Goberno central se pronuncie sobre o proxecto –de Altri– para instalar en Galicia unha fábrica de fibras téxtiles e pediulle que lle dea apoio no marco dos fondos Next Generation. Trátase, dixo, dun proxecto “sustentable e solvente” que forma parte do polo de transformación de Galicia, impulsado pola Xunta coa axuda da Sociedade Impulsa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here