Francisco Cajoto considera “consumado o desprezo” do PP e do conselleiro Francisco Conde á Comarca da Mariña

O presidente da Mancomunidade da Mariña critica que Conde “non tivera nin un só minuto desde hai seis meses para vir á Mariña e traballar pola comarca, a pesar de ser invitado en tres ocasións".


O Alcalde de Foz e Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto ve consumado o desprezo do PP e do Conselleiro, Francisco Conde á Comarca da Mariña. Así o dixo trala xuntanza organizada polo conselleiro nun restaurante de Chantada o pasado 13 de maio con representantes políticos desta Comarca, e critica que Conde “non tivera nin un só minuto desde hai seis meses para vir á Mariña e traballar pola comarca, a pesar de ser invitado en tres ocasións”, advertiu.

O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña remarca que a Xunta e o PP “continúan na liña do desprezo institucional”, por iso espera “que o novo presidente Rueda enderece o rumbo e chame a filas aos seus compañeiros de goberno para que comecen a traballar con lealdade”.

Cajoto fixo patente a súa indignación “pola falla de resposta ás peticións continuadas de reunións de traballo desde esta comarca, mentres o Conselleiro Conde atende aos medios desde un restaurante de Chantada e anuncia unha próxima reunión na zona de Melide”. E insistiu nas súas criticas “a promesa de Feijoo para que Altri viñera para a Mariña esvaeceuse sen ningunha explicación, había moitos emprazamentos viables que non interesou estudar coas alcaldesas e alcaldes mariñaos”, replicou.

COMARCA DE SEGUNDA

O rexedor afirmou “resulta indignante que o señor Conselleiro de Economía e Industria, a Directora Xeral de Impulsa Galicia e o Delegado Territorial da Xunta citen a alcaldes a unha reunión dunha semana para outra, pero en cambio non respondan a unha petición realizada dende fai 6 meses. Espero que o motivo non sexa que existen comarcas de segunda ou que A Mariña non lles interesa electoralmente”.

Por ultimo advertiu “seguimos a sufrir unha grave crise no sector industrial e Altri, a gran promesa de Feijoo, resultaba fundamental para o futuro dunha comarca que é das principais produtoras de eucalipto. Se non queren mover un dedo pola comarca que nolo digan, pero a Galicia cantábrica tamén existe”, resumiu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here