InicioEn ProfundidadeOs peláxicos fan "impredecible" a costeira do bonito

Os peláxicos fan “impredecible” a costeira do bonito

A campaña arrinca o mércores con menos barcos pola incidencia dos arrastreiros irlandeses e galos

Publicada o

- Advertisement -

Co remate das festas patronais de Burela arrincará a costeira do bonito. Coma cada ano, os barcos bureleses comezarán a pesca nas Azores durante o mes de xuño e co paso das semanas acompañarán a migración do peixe cara o Golfo de Biscaia. O equilibrio entre o prezo do túnido e a cantidade de capturas marcará o balance dunha campaña que neste 2018 será “impredecible” pola presenza, cada vez máis cedo, dos arrastreiros peláxicos irlandeses e franceses.

O problema non é novo. Trátase da competencia en alta mar entre unha flota, a do Cantábrico, que pesca case ao cento por cento coa técnica selectiva da cacea, cunha reducida porcentaxe de descartes, fronte a outra que -orientada ao negocio das industrias conserveiras– ten como obxectivo as capturas masivas. Ambas son legais, mesmo dentro dun marco único, como é Política Pesqueira Común (PPC) da Unión Europea. As decisións sobre a pertinencia de determinadas artes corresponde neste caso aos países, que poden apostar por prácticas máis ou menos respectuosas co medio.

PARTICIPAN MENOS BARCOS

Na costeira soen participar barcos de artes menores, volanteiros e buques con licencia de palangre de superficie, estes últimos integrados na Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07). Cando no 2016 faenaron na campaña 15 embarcacións de Armadores de Burela (Absa), no 2017 tomaron parte seis barcos da agrupación, un deles asociado da OPP-07. Miguel Neira, xerente de Absa, indica que “este ano a previsión é que o número sexa de catro ou cinco embarcacións” e admite que a principal causa deste retroceso é “a convivencia coa flota peláxica, que se converteu nun problema”.

o ano pasado faenaron seis buques de absa e este ano a previsión é que o fagan “catro ou cinco”

José Ramón Lamelas é o armador do buque tapiego Ramón Estefanía, que sairá este mércores pola mañá e arrincará a costeira. “Cada vez quedamos menos”, admite, “e a razón son os peláxicos”. A flota do Cantábrico quéixase da actitude dos arrastreiros, que perseguen aos barcos que localizan bancos de bonito e faenan de noite, durante os descansos dos boniteiros españois. Ademais, cando antes se incorporaban á campaña no mes de agosto, agora toman parte no comezo da costeira.

Lamelas explica que tivo dificultades para completar a tripulación, de dez homes. “Faltábanos un mariñeiro. Non se gaña como se gañaba antes e non é doado botar o verán enteiro no mar por un pouco de diñeiro”, sinala.

o armador do ramón estefanía asegura que tivo problemas para completar a tripulación

Sergio López, xerente da OPP-07, precisa que 13 palangreiros teñen permiso do Goberno para traballar na campaña, pero non é seguro cantos deles participarán.

PESQUERÍA REFUXIO

Os palangreiros de superficie tomarán a súa decisión en función do impacto dos peláxicos na campaña e tamén en base ao beneficio que consigan da súa pesquería habitual, na maioría dos casos o peixe espada. “Se lles vai ben é posible que non participen na costeira”, resalta López. Tamén pode que o fagan “para cambiar de especie durante un par de meses e conservar cota do seu sustento”, sinala o patrón maior burelés, Basilio Otero, que apunta unha tendencia. O produto estrela da lonxa burelesa “converteuse, cada vez máis, nunha pesquería refuxio”, expón.

as embarcacións deciden ir ou non en función de se necesitan conservar cota doutras especies

COMBUSTIBLE

A actividade dos arrastreiros irlandeses e galos non inflúe só na cantidade de peixe a repartir, senón tamén no gasto en combustible. O gasóleo non é a principal variable que leva aos armadores a decidir se participan ou non na costeira -“pode haber unha diferenza de 2.000 ou 3.000 euros, segundo Lamelas-, pero a suba no seu prezo, dun 20%, xúntase á necesidade de desprazarse. “Cando a flota española localiza bonito, estes buques aproveitan o traballo e iso fai que ás veces haxa que moverse máis da conta para atopar o peixe”, explica López.

Bonito na lonxa de Burela. EUROPA PRESS

COTA

O ano pasado, a cota de bonito -14.981 toneladas- esgotouse abruptamente para os barcos españois no mes de outubro. Cada país ten unha cantidade máxima de peixe a pescar, o que fai que ás veces os boniteiros bureleses dependan do que ocorra noutras latitudes. “Nas Canarias estábase a pescar un millón de quilos anuais e dun ano a outro pasouse a cinco”, explica Otero.

Os últimos dous anos trouxeron campañas pobres. Segundo os datos de Pesca de Galicia, no 2016 vendéronse na lonxa burelesa 812.382 quilos, que xeraron un volume de negocio de 3.356.798 euros, 3,3 millóns menos ca no exercicio 2015. No 2017 alixáronse 994.951 quilos, para un total de 4.425.709 euros.

burela segue a ser o pEIRAO de referencia do cantábrico nas ventas do túnido

UNS 50 BUQUES VENDEN NO PORTO

Con todo, Burela segue a ser o porto de referencia do Cantábrico no tocante a esta pesquería. O ano pasado acolleu a unhas 50 boniteiros de distintas procedencias que venderon o túnido na lonxa. “Preocúpanos que haxa menos embarcacións propias que participen na costeira, pero tamén hai que resaltar que existe un mercado creado, sólido, que dá confianza aos vendedores e que nos fai fortes”, resalta Neira.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...