Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo: “a desesperanza e os problemas da xente son os problemas da Igrexa”

Fernando García Cadiñanos (Burgos, 1968) foi ordenado bispo de Mondoñedo-Ferrol o catro de setembro de 2021. Esta é a primeira diócese en que exerce o seu labor episcopal. García Cadiñanos considera necesario achegarse a sectores como a mocidade, a familia e "como sinala o Papa Francisco" á muller. Cre que a Igrexa pode exercer un labor social importante creando pontes de diálogo entre axentes sociais.


-Vostede foi ordenado bispo de Mondoñedo-Ferrol o catro de setembro de 2021 e por tanto esta é a súa primeira diocese. Aínda estará levando adiante o seu traballo de asentamento.

Pois si. Eu veño de Burgos, unha realidade moi diferente á de Galicia. Realmente descoñecía esta diocese que é moi varida, moi diversa e que ademais está configurada en dúas provincias. Ademais, ten dúas realidades distintas, a do mar e ao do interior, a realidade rural e a urbana. Todo iso crea unha complexidade e unha diversidade de espazos, de ambientes, de características e cultura. Pola miña parte eu fago por ir coñecendo esta realidade que me encomendou a Igrexa. Vou amodo, iso si, porque a distancia cultural é moi grande mais vou facendo o traballo coa axuda de todos.

-Algunha realidade das que nomeou lle chamou máis a atención?

Non sabería dicir cal. Si que descubro que desde o espazo de onde eu veño, Castela, a realidade aquí é moi diversa culturalmente falando, en costumes e relixiosidade. Non obstante, si destaca para min o peso que ten nesta diocese o sector industrial desde o punto de vista social. Un sector industrial hoxe en día tocado, cun futuro opaco que vai lastrando as expectativas de futuro de moita xente. Desde o punto de vista relixioso, o máis rechamante para min é a acollida da xente e a esperanza e ilusión das persoas. Depois está a entrega dos sacerdotes que é moita e vai máis alá da súa vida, diría eu. Eses son os tres aspectos destacables para min tanto no social como no relixioso.

-Cales son os asuntos máis urxentes que encontrou no día a día da diocese?

Non había grandes problemas que afrontar. O que fixen foi poñer como primeiro reto o de escoitar á xente, fundamentalmente aos sacerdotes cos que vou mantendo reunións persoais con cada un deles. Tamén teño encontros coas institucións, autoridades e realidades sociais e relixiosas da diocese seguindo ese camiño de escoitar. Penso que o bispo non debe marcar decisoriamente o camiñar da Igrexa, porén eu voume unindo a un camiñar que debo recoller e facer meu.

Si que descubro que desde o espazo de onde eu veño, Castela, a realidade aquí é moi diversa culturalmente falando, en costumes e relixiosidade

-Vostede foi ordenado bispo en Mondoñedo. Que supuxo para unha persoa crente e que seguiu o camiño sacerdotal, chegar a este punto?

É unha gran responsabilidade polo que significa e supón presidir unha igrexa, unha grande responsabilidade que me confía o Papa Francisco. Un enorme agradecemento tamén á confianza que a Igrexa deposita sobre min. Isto tamén supón ser consciente das raíces profundas desta igrexa. Facíase referencia á historia, unha historia milenaria, unha historia de moitas testemuñas da fe, unha historia representada en aspectos artísticos, en tradicións cunhas grandes raíces que non se entenderían se se elimina o factor relixioso. Eu estou entrando nun río de vida creado pola fe e debo ser consciente de que ese río de vida e de vitalidade que durante séculos significou a Igrexa en canto unidade, debemos seguir alimentando esa vitalidade. Sería tamén participar nese gozo de facilitar esa tradición e esa traxectoria, sen esquecer a responsabilidade de que a vitalidade da Igrexa siga sendo real nestes tempos.

-Cales serán os eixos do seu labor pastoral como bispo de Mondoñedo-Ferrol?

Eu non veño cun gran proxecto. Xa hai un proxecto que vai facendo a mesma Igrexa. O sábado pasado comezaba para toda a Igrexa Universal, o Sínodo dos Bispos, un sínodo universal onde o Papa convocou a toda a Igrexa. Ese sínodo é un tempo para o cal os bispos escoitamos o que Deus nos pide, o que nos pide a sociedade e do que nós queremos para a nosa Igrexa. É un tempo de reunións, encontros, asembleas e celebracións, iremos percibimos cales son as prioridades, cales son as urxencias e as aptitudes que debemos coidar, especialmente durante os vindeiros anos. Todo isto tamén determinará o camiñar desta Igrexa de Mondoñedo-Ferrol.

Penso que o bispo non debe marcar decisoriamente o camiñar da Igrexa, porén eu voume unindo a un camiñar que debo recoller e facer meu

-Di que non vén cun proxecto, aínda así, ante a falta de vocacións, pensou na maneira de achegarse á sociedade na procura de futuros sacerdotes?

É certo que a urxencia de axentes de pastoral desde o ministerio ordenado é unha das grandes necesidades da nosa Igrexa. O avellentamento dos sacerdotes e a redución do seu número crea unha prioridade dentro daquilo denominado polo Papa Francisco como cultura vocacional. Isto non é só unha cultura de ministerio ordenado, tamén é á vida relixiosa e á responsabilidade dos leigos nas parroquias que debemos impulsar. Certamente isto leva a non contentarnos con maneiras eclesiais do pasado, debemos reinventarnos, debemos non descubrir unha Igrexa senón que debemos descubrir unha Igrexa a outra. Isto tradúcese nunha Igrexa que é máis corresponsable na misión e percibe o papel importante dos sacerdotes mais non é un papel fundamental, senón dinamizador e animador da presenza nas comunidades sen ser o único carisma existente nas comunidades cristianas.

A Igrexa vive dentro da sociedade e está chamada a ser vista dentro dos diferentes sectores

-Desde a súa perspectiva, que motivos ve detrás da falta de vocacións?

Fundamentalmente responde a unha crise de fe. Esta falta de vocacións vai parella coa vitalidade das nosas comunidades cristianas e a vivencia da fe na nosa sociedade. Ante unha baixa evidente do que é a vitalidade e vivencia da fe persoal tamén se manifesta na carencia de vocacións. Isto responde a unha carencia máis global en canto á vivencia e á transmisión da fe dentro da sociedade.

o papel dos sacerdotes é dinamizador e animador sen ser o único carisma existente nas comunidades cristianas

-Falaba antes da situación opaca do sector industrial na diócese. Como vive desde a súa posición de bispo a actual crise industrial destes momentos?

Eu vivo isto moi unido coas persoas que sofren esta situación. O sufrimento da xente é o sufrimento da Igrexa, a desesperanza e os problemas da xente son os problemas da Igrexa. Isto vívoo cun corazón moi solidario e moi achegado diante destas perspectivas pouco favorables e cun futuro incerto. Vivo de perto todas esas realidades aínda sabendo que a Igrexa non ten unha responsabilidade digamos técnica, unha responsabilidade que si teñen os axentes sociais e políticos. Eles son os quen teñen a responsabilidade máis directa, nós como Igrexa estamos coa xente que sofre e están afectadas, con solidariedade e cercanía. Penso que isto tamén debe espertar a nosa conciencia social na nosa xente e dentro das nosas comunidades, para descubrir que vivir a fe tamén é ter e alimentar esa dimensión social que nos fai estar cerca e tamén descubrir que a transformación dos factores implicados nos desaxustes económicos e sociais, é un elemento que debe entrar no actuar da fe, o que denominamos compromiso social do cristiano no ámbito político, social e económico. A fe non é só ir á misa, é participar nas estruturas que interveñen na transformación das causas da dor. Tamén é un momento para reflexionar en como estamos transformando a nosa sociedade. É unha maneira un pouco inhumana porque poñemos o diñeiro sobre as persoas e cando pasa isto veñen situacións como as que vivimos agora mesmo.

-Cre que a Igrexa pode ter un papel mediador entre as partes que agora mesmo están en pugna dentro dos acontecementos no sector industrial da comarca?

Hai outros axentes que poden facer mellor esa mediación. É certo que a Igrexa noutros momentos da Historia e en situacións máis difíciles tamén o fixo. Mais dentro da actual situación vivida na nosa diocese, non sería un factor. Desde logo que sempre estariamos dentro dunha cultura do diálogo, dentro dunha cultura de crear pontes dentro desas conversas máis internas para dar azos, alento e forza para o diálogo.

vivir a fe tamén é ter e alimentar esa dimensión social

-Ve necesario o achegamento da Igrexa a algúns sectores sociais onde a secularización e a desafección pola fe é máis pronunciada?

A Igrexa vive dentro da sociedade e está chamada a ser vista dentro dos diferentes sectores, mais si é certo que dentro de tres ámbitos, como nos vén convidadno o Papa Francisco a reflexionar cales serían as nosas prioridades. Por unha parte, a xente nova, non como estratexia senón como labor de acompañamento no crecemento das persoas, nese momento en que as persoas se están formando e como a Igrexa ten unha experiencia moi grande no que significa a construción da conciencia da persoa, pois pode ser un factor importante que axude a configurar valores e estrutura mental para ver a realidade. Creo que o mundo da mocidade é prioritario, aínda que é un pouco difícil. Outro mundo é o da familia como base fundamental da sociedade, transmisora de valores e unha saúde persoal, por iso se debe estar perto das familias, acompañalas en momentos complexos que atravesa a familia. O Papa Francisco tamén nos indica estar presentes no ámbito da muller, non como unha moda, senón como unha realidade social que reclama unha maior presenza e visibilidade dentro da acción da Igrexa.

sempre estariamos dentro dunha cultura do diálogo, dentro dunha cultura de crear pontes

-Ese acercamento á muller implicaría unha maior presenza activa dentro da acción pastoral.

Si, creo que o papel da muller dentro da Igrexa é fundamental. O Papa Francisco lembra sempre o que é o ámbito de decisión e o ámbito de responsabilidades, que o ten mais ao mellor nos temos que abrir máis amplamente.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here