Francisco Fra: “os carpinteiros de ribeira traballamos a madeira facendo barcos respectuosos co medio”

Francisco Fra é un carpinteiro de ribeira. O seu estaleiro na ría de San Cibrao segue a traballar con métodos tradicionais a madeira que logo se converterá en barcos ben a vela ou a motor. Aínda con todo, a maior parte da ocupación do seu tempo tena a restauración de barcos. Isto non quita que teña ideas tan interesantes como levar adiante proxectos para aprender o oficio ou crear un "buque escola" para que os máis novos saiban o que era navegar de maneira tradicional.


-Como te iniciaches neste traballo de carpinteiro de ribeira?

Empecei aquí con meu pai e con meu tío que me traían aquí ao estaleiro e así comecei desde moi pequeno. Desa maneira me incorporei pouco a pouco e así foi como se iniciou todo.

-Aínda así, cando caíches na conta de que esta sería a túa profesión?

O certo é que isto me gustou de sempre, aínda que non había escolas para aprender o oficio. Fixen FP na rama de metal porque xusto o ano antes de ir estudar pecharan en Viveiro a rama da madeira. Acabei facendo metal mais seguín traballando aquí. Cando acabei FP meu pai díxome de facer enexeñería naval en Ferrol nun momento en que se montaban barcos seguido no estaleiro e eu dixen: “quedo aquí”.

-Cales son os principais clientes que ten o teu estaleiro?

Os clientes foron evolucionando durante o tempo. A min gústame coñecer a historia da miña profesión e vías como se facían cargueiros a vela en tempos do meu bisavó e avó. Logo viñeron os barcos de pesca, polo que a navegación a vela desaparecera. Despois tamén houbo unha época en que se construíron barcos de cabotaxe a motor, barcos de carga, que foi unha época de transición. Por último chegou a época dos barcos de pesca, un período importante porque tamén os barcos evolucionaron, por exemplo, das primeiras vaporas aos boniteiros, as tarrafas, “merluceiras”, boniteiros máis pequenos e polo medio sempre se fixeron barcos de recreo, barcos da sétima lista. Agora mesmo a maior parte do meu traballo é a restauración de embarcacións. Tamén fixen reproducións de embarcacións históricas para algún museo. Mais o xeral son embarcacións de recreo. Sobre as históricas pois foron maioritariamente para museos e exposicións.

meu pai díxome de facer enexeñería naval en Ferrol nun momento en que se montaban barcos seguido no estaleiro e eu dixen: “quedo aquí”

-Agora entón o principal traballo é o de restauración?

Si, no meu caso. Outros compañeiros da Asociación de Carpinteiros de Ribeira de Galicia fan embarcacións, como as auxiliares para bateas no sur. Un compañeiro meu aínda fixo un barco de 20 metros de eslora. Ademais, podo dicir que hai mariñeiros que nunca navegaron en barcos de madeira.

-Cales son as madeiras máis usadas para a construción naval?

Unha delas é o carballo do país, logo o eucalipto que é unha madeira boa e que teña moitos anos. Aínda que o eucalipto está denostado polas políticas que sabemos, para nós e para quen se dedique á construción ese ecualipto ten que ser de corenta ou cincuenta anos para arriba, por tanto non é esta plantación que se fai agora. Despois está o piñeiro do país e algunhas madeiras de fóra como a teca, o iroco, a caoba ou piñeiro de Oregón. As madeiras traémolas en camión desde a serra ou almacén.

-Algunhas desas madeiras deben ter prezos elevados.

Hai madeiras moi caras como son a teca birmana ou a caoba. Son madeiras para barcos de luxo, por tanto de uso excepcional.

podo dicir que hai mariñeiros que nunca navegaron en barcos de madeira

-Cales eran os pasos para construír un barco, por exemplo, de pesca?

Primeiro deséñase o modelo a medio casco cunha desta de 1:20, logo de facer o modelo facemos o trazado e a partir de aí as “plantillas”. Logo escóllese a madeira, por exemplo, carballo, que se debe cortar na baixante de xaneiro, durante o inverno. As épocas en que as árbores están sen folla. Logo colocamos a quilla, roda, pé de roda, vías, codaste, zapatóns e co trazado fanse as cadernas de carballo que xa se van colocando e logo faise a armazón de proa e popa. As cadernas colócanse de zapatón a zapatón para pasar a armar proa e popa, rematar as últimas cadernas até a roda e o codaste. Meteríanse uns pantoques e así vanse armando tracas de carel, durmintes, contradurmintes, vagras, bocas, escotillas e finalmente hai que forrar o barco.

-Até certo punto sorprende a existencia de carpintería de ribeira tradicional. Non existe unha forte competencia cos estaleiros que traballan fibra de vidro e outros materiais?

A competencia foi enorme e ás veces desleal. Os carpinteiros de ribeira estabamos facendo barcos pesqueiros de madeira con axudas europeas. Había estaleiros que recibían axudas do 60% se o facían de ferro ou fibra e axudas do 40% se eran de madeira. Debera primarse a madeira sobre todo pensando na pegada de carbono, os carpinteiros de ribeira traballamos a madeira facendo barcos respectuosos co medio. Fixemos un estudo desde a Asociación de Carpinteiros de Ribeira que nolo pedira o CIS Madeira, e segundo ese documento un barco de poliéster emitía 110 toneladas de CO2 no seu ciclo de vida. O mesmo barco en madeira emite 18 toneladas. A desproporción é enorme. Por iso reclamamos unha redución das taxas portuarias e impostos para os barcos de madeira en consonancia coas súas emisións de CO2. Se ti tes un barco de poliéster ou de madeira e estás atracado nun pantalán, cobrarlle máis ao de poliéster pola carga de carbono á atmosfera. Así podería incrementarse até certo punto o uso de barcos de madeira axudando a preservar tanto o medio ambiente como un oficio tradicional e un legado cultural.

un barco de poliéster emitía 110 toneladas de CO2 no seu ciclo de vida. O mesmo barco en madeira emite 18 toneladas

-O teu estaleiro está na ría de San Cibrao, cal é o barco de maior volume que se construíu nesas instalacións?

O barco máis grande fíxoo o meu avó, un cargueiro de 38 metros de eslora un cargueiro que se chamaba “María Dolores del Carmen” aló polo ano 1942.

-Que clase de barco é o que ten máis atractivo para ti?

Os barcos de vela son os que me atraen máis, porque me gusta a navegación tradicional a vela e sempre me chamou. Quixera levar adiante un proxecto de buque escola para que os máis novos puidesen coñecer como era a navegación tradicional e todo o que leva. Para iso tiñamos un proxecto para restaurar unha goleta, mais por cuestións políticas non saíu adiante cando no resto de Europa xa se levaban facendo proxectos así. Agora mesmo, no País Vasco, están levando adiante un proxecto similar con Xabier Agote á fronte.

Había estaleiros que recibían axudas do 60% se o facían de ferro ou fibra e axudas do 40% se eran de madeira

-Tes novos proxectos en mente?

Proxectos como o que dixen quedan aí, ao mellor se recuperan. Con todo, organizo cursos para aprender o oficio, cobro por eles aínda que coa COVID non os fixen. Organizo visitas ao estaleiro para visibilizar o oficio a ver se alguén ten ganas de seguir para adiante.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here