A Xunta investirá 212.000 euros en restaurar o ‘henge’ de Lavandeiras, en Xove

Licitou este xoves obras de retirada da terra acumulada sobre o xacemento arqueolóxico, descuberto durante as obras da variante Celeiro-San Cibrao

Imaxe do círculo en 2017. MARIÑA PATRIMONIO

A Xunta de Galicia investirá un total de 212.337 euros en restaurar o xacemento de Lavandeiras, ubicado en Xove, case no límite co municipio de Viveiro.  

O portal de contratos de Galicia licitou este xoves o contrato das obras de retirada de recheo sobre o espazo arqueolóxico, que foi descuberto durante as obras de construción do enlace do treito Celeiro-San Cibrao da Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte.

Segundo expón o Goberno galego, unha vez detectada a posible presenza do novo elemento patrominial, realizáronse traballos de prospección arqueolóxica seguindo as pautas de Patrimonio, que una vez finalizados ditaminaron a necesidade de retirar o recheo de terras ao carón do noiro da VAC.

O obxecto do contrato é a retirada da terra acumulada sobre o xacemento de Lavandeiras -en torno a 13.000 metros cúbicos– e o restablecemento ao seu estado inicial da superficie do xacemento. Durante estes traballos realizarase un estudo arqueolóxico máis en profundidade dirixido á súa posta en valor. O prazo de execución é de tres meses.

Lugar do xacemento. AXM

DA IDADE DO BRONCE

Os estudos arqueolóxicos confirmaron que o xacemento, do que Mariña Patrimono solicitou a inclusión no catálogo de Patrimonio no 2015, é de planta circular tipo ‘henge’, unha estrutura prehistórica, do Neolítico, circular ou ovalada, similar á Roda de Barreiros.

A súa cronoloxía remóntase, cando menos, á Idade do Bronce tardía. Esta tese, precisa a Xunta, “queda confirmada por variedade de evidencias estruturais exhumadas que nos indican a creación dun espazo circular ben delimitado”.

A este carácter construtivo hai que sumar o carácter ocupacional do recinto, ratificado, entre outras evidencias, polos materiais localizados -basicamente fragmentos cerámicos-, “os cales nos remiten de novo á fase media e final da Idade do Bronce”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here