InicioM.ambiente e PatrimonioVidal Romaní: "As Catedrais viuse como un obxecto mercantil"

Vidal Romaní: “As Catedrais viuse como un obxecto mercantil”

O científico ofrece o mércores unha charla no Cenima sobre a historia xeolóxica da Mariña

Publicada o

- Advertisement -

Profesor emérito de xeoloxía na Universidade da Coruña (UDC) e membro numerario da Real Academia Galega das Ciencias, Juan Ramón Vidal Romaní é un dos especialistas máis prestixiosos en Galicia nesta materia e un dos principais estudosos do monumento natural das Catedrais. O científico ofrecerá unha charla este mércores, ás 20.30 horas, no Cenima de Foz, na que abordará a historia xeolóxica da Mariña Lucense. A asociación A Pomba do Arco organiza a actividade.

Que vai tratar na conferencia?

Vou facer un percorrido da formación a nivel xeolóxico da Mariña Lucense. Por un lado, desmontar o proceso das rochas, como se foron xuntando ao longo de 500 millóns de anos e construíndo así a comarca. E por outra banda, explicar como se orixinou o actual relieve da bisbarra e por que é como é.

Por que se caracteriza A Mariña a nivel xeolóxico?

Un rasgo característico da bisbarra son as elevacións montañosas próximas á costa. Outro é a rasa cantábrica, unha superficie plana que se extende desde Burela ata Cantabria. Falamos da Mariña pero a ocupación do litoral polo mar é relativamente recente, duns 15.000 anos de antigüidade, e o seu papel na formación da comarca foi menor ca o doutras forzas xeolóxicas, como a tectónica. Hai 15.000 anos, por exemplo, Foz era un val fluvial, non existía a ría.

“a ocupación da bisbarra polo mar é recente. hai 15.000 anos, non existía a ría de foz, que era un val fluvial”

Permite a ciencia saber como será a bisbarra no futuro?

Podemos facernos unha idea. Agora vivimos nun intervalo climático interglacial, caracterizado polo quencemento do planeta e a subida do nivel do mar. Normalmente, estos períodos teñen unha duración de entre 15.000 e 20.000 anos ata que hai un enfriamento. Probablemente, dentro de mil anos o nivel do mar baixará e quedaranos moito máis lonxe, haberá grandes extensións de praia, coa area que actualmente hai sepultada. O clima será lixeiramente máis fresco e non haberá excesivos cambios na vexetación nin na fauna.

TURBEIRA DE AREALONGA

Cal é a importancia xeolóxica da turbeira de Arealonga, en Nois?

Ofrécenos unha información xeolóxica valiosa, de como hai arredor de 7.000 anos había na zona un bosque ben asentado, cunha fauna e unha flora similar á que coñecemos hoxe en día. Uns 3.000 anos atrás, subiu o nivel do mar e ese monte quedou sepultado por area, ao subir tamén as dunas.

AS CATEDRAIS

Cal é o estado das Catedrais e que deberamos facer co monumento natural?

Falamos da erosión do mar, pero para As Catedrais é unha maior ameaza a acción humana. A mellor conservación para este tipo de monumentos naturais é deixalos tranquilos, non andar enriba deles. Non pode ser que visiten As Catedrais un millón de persoas ao ano, que a xente camiñe por riba dos arcos, que toque as rochas. Durante un tempo contemplouse o areal como un obxecto de venta e non como un monumento vivo. O risco era grande, xa houbo unha desgraza e puido acontecer algo peor, porque puido falecer máis xente. Pénsase só na utilización mercantil e hai que equilibrar a oferta dos recursos naturais desde o respecto polos mesmos.

“o mellor para conservar os monumentos naturais é deixalos tranquilos”

Que ensina a xeoloxía?

É fundamental coñecer como se formou a nosa paisaxe actual e como esa paisaxe está en permanente cambio pola natureza, que é unha forza viva. A xeoloxía achega unha perspectiva do noso lugar no mundo. Se sabemos que o noso planeta ten 500 millóns de anos de antigüidade e nos só o ocupamos durante un breve período de tempo, dámonos conta da nosa importancia no universo, que é máis ben pouca. Temos un exemplo en Covas dunha praia que se tenta refacer e como o mar a destrúe. O que está na nosa man é limitado fronte ao poder da natureza.

“a praia de covas é un exemplo de que o noso poder é limitado fronte á natureza”

DIVULGACIÓN

Que importancia lle concede a este tipo de conferencias, cunha temática máis local?

Valoro moito que sexa unha asociación quen impulse esta actividade. Interésanos moito o que ocorre en Marte (ri), pero o primeiro paso é coñecer a túa terra. Dos xeólogos depende que se respecte a xeoloxía. Temos que presentar o noso coñecemento dunha forma que o público o poda entender e apreciar. Agora prográmanse moitas xeorutas e iso é positivo, pero máis alá da beleza estética dos roteiros ou de dar moita información sobre esta rocha ou estoutra temos que ser capaces de explicar por que é importante coñecer a formación da paisaxe, que é o que conecta esta materia co presente, de facer que a xente da Mariña poda interpretar o medio no que vive.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...