Denuncian á Xunta por danar cunha queima non autorizada un petróglifo de Ourol

Mariña Patrimonio e Adega acusan ao Goberno galego de prexudicar o xacemento de Chao de Sinás, no Xistral, cun lume controlado que non contaba con permiso de Patrimonio

Petróglifo de Chao de Sinás. MP

A Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e Mariña Patrimonio (MP) denunciaron ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) á Xunta de Galicia por posibles danos nun petroglifo situado no Chao de Sinás (Ourol), na Serra do Xistral.

Segundo explican os colectivos, estes danos serían ocasionados polo Goberno galego “ao realizar a comezos de ano unha queima controlada do mato que cubría unha zona arqueolóxica catalogada e protexida pola propia Xunta de Galicia. Ao parecer, este lume tería afectado especialmente o petróglifo 13”, sosteñen.

As asociacións denunciantes afirman que nin a queima nin “o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume” no xacemento contaban “coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura”.

“DESLEIXO”

As agrupacións consideran “especialmente grave” que sexa a propia Administración autonómica quen dane o patrimonio cultural. Ademais, argumentan que “esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia”.

DÚAS MÁMOAS E UN DOLME

MP e Adega exponen que nesta zona arqueolóxica, a Xunta ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas, unha das cales alberga o dolme da Arca de Sinás.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here