Loureiro acusa á Xunta de enviar requerimentos para eludir afrontar o saneamento da ría

Tras culpabilizar a Xunta ao Concello do retraso nas actuacións, a alcaldesa de Viveiro asegura que cando "hai unha polémica pública" pídese "nova documentación" ao goberno local

Ría de Viveiro. AXM

O Concello de Viveiro e a Xunta de Galicia polemizaron unha vez máis polo retraso do saneamento da ría de Viveiro. Tras culpabilizar da lentitude no proceso ao goberno local a conselleira Ethel Vázquez, a alcaldesa, a socialista María Loureiro, acusou á titular de Infraestruturas e Mobilidade de “mentir” e de “faltar ao respecto” ao executivo municipal.

MEDO Á PERDA DE FONDOS EUROPEOS

A unha pregunta da deputada parlamentaria socialista Patricia Otero, que ao igual que o fixo o BNG expuxo o temor de perder 2,4 millóns de euros de fondos europeos por incumprir os prazos das actuacións, con data límite en decembro de 2020, Vázquez asegurou que a Xunta iniciará a contratación das obras de mellora da depuradora municipal de Viveiro, cun investimento autonómico de 3,9 millóns de euros, “en canto o Concello remita a aprobación deste proxecto”.

Así, afirmou que se o Concello de Viveiro “é áxil na súa tramitación e asume ás súas responsabilidades, a Xunta seguirá a facer todos os esforzos para adiantar prazos e avanzar na mellora da calidade da auga da ría de Viveiro, de cara a acadar o saneamento integral da ría”.

ETHEL VÁZQUEZ: “NIN XESTIONAN NIN FACILITAN”

A conselleira cualificou ao goberno local de “principal responsable” dos problemas de saneamento, pois “nin xestiona axeitadamente as infraestruturas nin acomete as obras de mellora nin facilita os trámites necesarios para que o faga a Xunta”.

A conselleira asegurou que a execución dun novo emisario submariño e a mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) suporán un investimento da Xunta “de sete millóns de euros” e permitirán “incrementar a capacidade e o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas de Viveiro”.

Dúas actuacións, sostivo, que “pese a ser responsabilidade municipal, se están a impulsar desde a Xunta de Galicia de cara a conseguir que Viveiro e Celeiro poidan depurar as súas augas residuais conforme ás normativas vixentes”.

Facemos moito máis do que nos corresponde e imos acometer a retirada da parte non soterrada do actual emisario submariño porque o Concello non é capaz de asumir esa tarefa”, argumentou.

CATRO REQUERIMENTOS NO 2019

Loureiro responde que o goberno local leva “anos denunciando a situación existente antes as administracións implicadas, realizando as xestións oportunas para axilizar os trámites, respondendo cada requirimento á maior brevidade posible, e chamando puntualmente para obter información actualizada e solicitando reunións con Augas de Galicia e con Costas, tanto en Lugo como en Madrid”.

A rexedora expón que neste 2019, recibiu catro requerimentos. “O primeiro, recibido o 16 de xaneiro de 2019, foi contestado o 7 de febreiro de 2019; o segundo, recibido o 8 de maio, tivo resposta o 29 de maio de 2019; o terceiro, recibido o 20 de xuño, foi contestado o 25 de xuño de 2019; e o último deles, que foi rexistrado de saída na Xunta de Galicia o pasado mércores, ás 14.35 horas, e que recibimos este xoves”.

“CADA VEZ SE NOS PIDEN COUSAS NOVAS”

É demencial que a Conselleira acuse a este concello de falta de axilidade cando o último requirimento non fora aínda recibido por esta administración”, argumenta Loureiro.

A primeira edil lembra que en maio o candidato do PP, Óscar Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, “fixeron referencia a outro requirimento que se enviara ese día”.

Cada vez que xorde unha nova polémica pública sobre o saneamento da ría, remítese un novo requirimento; non é que o concello envíe mal a documentación, é que cada vez se nos piden cousas novas”, sostén a rexedora, que salienta que porá os expedientes municipais “a disposición daquelas persoas que queiran corroborar esta información”.

1 COMMENT

  1. Penso que a alcaldesa dí a verdade todo o que ten que ver coa Xunta, saneamento, sanidade, inversións nos pobos etc. etc. danlle voltas e retorcen a verdade, dan a calada por resposta e minten máis que falan, de noxo e vergoña como se portan cos cidadáns e políticos que non son do seu curro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here