O henge de Lavandeiras, en Xove, quedará ao descuberto máis de tres anos despois

Os traballos de retirada da terra que cubriu parte do xacemento durante as obras do corredor entre Celeiro e San Cibrao terán un prazo de execución de tres meses

José Manuel Balseiro e Demetrio Salgueiro no lugar no que se atopa o xacemento. AXM

Máis de tres anos despois do seu achádego, o xacemento arqueolóxico de Lavandeiras, en Xove, quedará ao descuberto.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar a formalización do contrato para retirar a terra que cubriu parte do henge durante as obras de construción do corredor entre Celeiro e San Cibrao en maio de 2016.

Os traballos foron adxudicados ao Grupo Bascuas 2008 SL por un importe de 166.200 euros e teñen un prazo de execución de tres meses.

Ademais de mover os 13.000 metros cúbicos de terra que ocultaron a estrutura arquitectónica, durante a intervención realizarase un estudo arqueolóxico máis en profundidade para poñer en valor o xacemento.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Jose Manuel Balseiro, reiterou o compromiso este sábado nunha visita ao lugar na que estivo acompañado polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro.

DA IDADE DO BRONCE

Os estudos realizados  confirmaron que o xacemento é de planta circular tipo ‘henge’, unha estrutura prehistórica, do Neolítico, circular ou ovalada, similar á Roda de Barreiros.

A súa cronoloxía remóntase, cando menos, á Idade do Bronce tardía. Esta tese, precisa a Xunta, “queda confirmada por variedade de evidencias estruturais exhumadas que nos indican a creación dun espazo circular ben delimitado”.

A este carácter construtivo hai que sumar o carácter ocupacional do recinto, ratificado, entre outras evidencias, polos materiais localizados -basicamente fragmentos cerámicos-, “os cales nos remiten de novo á fase media e final da Idade do Bronce”.

Mariña Patrimonio xa solicitara a inclusión do xacemento no catálogo de Patrimonio en 2015.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here