InicioM.ambiente e PatrimonioAlcoa anuncia unha investigación tras verter un camión lodos vermellos na estrada...

Alcoa anuncia unha investigación tras verter un camión lodos vermellos na estrada en Morás

A multinacional afirma que a perda produciuse ao ir mal pechadas as comportas do vehículo e sostén que a concesionaria decidiu "unilateralmente" limpar o residuo con auga

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa anunciou este luns que abriu unha investigación para depurar responsabilidades tralo derramamento de lodos vermellos acontecido o pasado venres na estrada N-634 á altura de Morás. A perda produciuse ao ir mal pechadas as comportas traseiras dun camión que transportaba este material de residuo da fábrica de alúmina, onde se xenera, ao depósito, ubicado no municipio de Xove.

Un vídeo que se espallou a través das redes sociais mostra como a vertedura dos residuos do procesado de bauxita se tentou diluír cun lavado de auga, o que provocou que a estrada se tinguise de vermello e que o líquido resultante rematase na gabia.

Fontes da multinacional afirman que o derramamento de barros vermellos tratouse “dun goteo” que “non se pode cualificar de vertido“, xa que “o camión perdeu unha parte da carga”, aínda que non precisan a cantidade de material de residuo derramada sobre a estrada.

ALCOA ENTEROUSE “A TRAVÉS DE INTERNET”

As mesmas fontes salientan que o incidente “non tivo que ver” nin coa “meteoroloxía” nin coa “capacidade do depósito” de lodos vermellos, senón que se trata “dun suceso illado e de escasa magnitude”.

Alcoa sostén que soubo “por un vídeo colgado nas redes sociais” da vertedura, xa que a empresa concesionaria do servizo “non advertiu” á multinacional do incidente.

Outra imaxe da estrada. GOOGLE FOTOS

A ADXUDICATARIA “NON ACTUOU SEGUNDO O PROTOCOLO”

Do mesmo xeito, asegura que “unilateralmente” a empresa responsable do transporte “non actuou segundo o procedemento estipulado“, dado que decidiu “limpar con auga” o residuo no canto de “recollelo na súa totalidade” como establece o protocolo para estes casos.

As fontes da compañía alumineira insisten en que o material que perdeu o camión “está cualificado como residuo mineiro non perigoso” e argumentan que “non houbo ningún prexuízo para o medio ambiente“.

A investigación, aseguran desde Alcoa, servirá para comprobar “que fallou” para que “non se volva repetir”.

SEN UBICACIÓNS ALTERNATIVAS AO DEPÓSITO

No pasado mes de maio, os traballadores da multinacional advertiron da necesidade de atopar unha ubicación alternativa para o depósito de lodos vermellos, dado que entenden que está “próximo á fin da súa vida útil“. Os sindicatos calculan que en cinco ou seis anos farase imprescindible un novo emprazamento.

Consultadas sobre esta situación, as mesmas fontes sosteñen que “non hai ningunha novidade” a este respecto.

REDUCIÓN DA PRODUCIÓN EN ALUMINIO

Finalmente, respecto da redución dun 5% na produción de aluminio primario, anunciada polo comité de empresa de Alcoa San Cibrao, a multinacional sinala que se trata dunha medida “de limitada dimensión” que procura “abaratar custos” nun contexto de “baixo prezos no mercado” e de “alto custo da enerxía”.

O proceso comezou progresivamente e prevese que a redución da carga de traballo dure alomenos ata final de ano, aínda que desde Alcoa non precisan unha data concreta de finalización deste recorte produtivo.

A VENTA DE ALCOA E AVILÉS, O MÉRCORES

O desenlace do proceso de venta das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña ao fondo suízo Parter coñecerase o vindeiro mércores.

Cun acordo de venta asinado, a culminación do proceso depende agora de se Parter acadou o financiamento para satisfacer as garantías de liquidez requeridas no contrato pola multinacional norteamericana.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...