Xove realizará unha cata arqueolóxica en San Tirso de Portocelo

O Concello quere recuperar o xacemento, que conta cunha ermida que foi construída sobre un mosteiro medieval na mesma zona onde se ubicou un castro

Restos da igrexa vella de San Tirso. AXM

O Concello de Xove realizará unha cata no xacemento de San Tirso de Portocelo. O executivo local quere poñer en valor un sitio arqueolóxico singular, no que se atopa unha ermida, construída a partir das ruínas dun antigo mosteiro altomedieval, levantado á súa vez sobre un castro.

O goberno do Partido Popular (PP) aprobou no pasado pleno ordinario, coa abstención do Bloque Nacionalista Galego (BNG), unha modificación de crédito por importe de 400.000 euros que destinará a diversos proxectos. Un deles é a encarga, por 14.000 euros, dunha prospección do xacemento a unha empresa arqueolóxica.

ASENTAMENTO HUMANO EN VARIAS ETAPAS

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, precisa que “o ano pasado compráronse os terreos que circundan a capela de San Tirso. Sabemos que houbo un antigo castro e que foi un asentamento humano en varias etapas da historia, cun mosteiro sobre o que se construíu a ermida”, indica.

a intención do concello é “poñer unha zona fermosa en valor, que poida ter valor turístico, e protexer os restos, que foron sometidos a expolios”

Salgueiro expón que Patrimonio deu luz verde á cata e que a intención é “recuperar aquelo e ver se hai algo interesante. Aspiramos a poñer unha zona fermosa en valor, que poida ter incluso un valor turístico, e tamén protexeremos os restos da igrexa e dos muros perimetrais“, indica.

O rexedor salienta que estas ruínas “foron sometidas a expolios, falta moita pedra da antiga capela”. Precisa que se actuará, en principio, sobre a zona do foxo do antigo castro. “Na zona da ermida, propiedade do Bispado, hai un cemiterio, con persoas de Portocelo enterradas, polo que imos intervir fóra, onde os arqueólogos determinen que é máis doado que se poida atopar algo interesante”.

Salgueiro resalta “a cantidade de castros que hai en Xove” e sinala que o municipio pode ser un reclamo a nivel turístico no ámbito patrimonial, lembrando tamén o proxecto da Xunta de Galicia de recuperación do henge de Lavandeiras.

O colectivo Mariña Patrimonio e o xornalista Manuel Gago realizaron ao longo dos anos unha tarefa de divulgación deste xacemento, no que o mosteiro medieval non só tería aproveitado as defensas do antigo castro -“en espectacular bo estado”- senón que as tería potenciado.

CRÍTICAS DO BNG POR APROBAR 200.000 EUROS PARA VIAIS

Os restantes investimentos incluídos na modificación de crédito son, entre outros, 100.000 euros para mellora de viais co respaldo do Plan Único -acceso a Palmeiro, ancheamento de estradas en Cabo de Vila-, 26.000 euros en alumeado público para a zona da baleeira de Morás, outros 14.000 en módulos de sinalización turística para a Ruta da Costa, e 200.000 euros para o alquitranado de viais municipais.

o bloque asegura que se destinou a metade dunha modificación de crédito de 400.000 euros “a satisfacer o prometido en campaña electoral”

Os nacionalistas, que se abstiveron ao recibir unha proposta “na que entra de todo, desde alquitranado ata arqueoloxía sen que poidesemos decidir que votar a favor e que en contra“, mostráronse especialmente críticos con este último punto. “Calquera sabe que estes cartos son os que prometeron en campaña electoral casa por casa. Así é moi doado gañar, porque cartos hainos”, asegurou o voceiro da formación frontista, Xosé Hermida.

Salgueiro argumenta que Xove é un concello de “poboación dispersa” e que “completar a rede viaria municipal é fundamental”. Un acceso por fóra ao Portiño de Morásrecentemente renovado por Costas, é o principal gasto, segundo expón o rexedor, que agrega que se actuará tamén na Rigueira. “Igual o BNG non o sabe, pero é unha das peticións principais dos veciños”, sostén.

LOCAL SOCIAL EN SAN CRISTOVO

Entre os 400.000 euros de investimento tamén se inclúe a rehabilitación dunha casa -por 40.000 euros- en San Cristovo, a fin de habilitar un local social na parroquia. “É unha zona de veciños, de tradición, onde se reúnen nunha carpa que eles mesmos mercaron, con humidades e que non está ubicada no mellor lugar. Íase facer unha pérgola pero xurdiu a posibilidade”, indica Salgueiro.

o goberno rehabilitará unha casa para reunións da veciñanza e os nacionalistas esperan que “non quede infrautilizada”

Desde o BNG resaltaron que “hai que ser conscientes de como están os centros sociais de Xove, infrautilizados, algúns pechados, e esperemos que San Cristovo non entre na dinámica dos anteriores”. Unha crítica que Salgueiro rexeita, dado que, afirma, a maioría das antigas escolas unitarias “teñen uso”, polo que acusa ao Bloque de estar “desconectado” das parroquias.

WEB DE TURISMO MUNICIPAL

Finalmente, o executivo municipal destinará 5.000 euros a unha web de turismo, independente da páxina oficial do Concello, unha aposta que os nacionalistas cuestionan pola súa dificultade de mantela no tempo. “Encargaron a unha empresa a súa realización e é moi doado crealas, o difícil é dotalas de contido. Estaremos atentos”, advertiron.

SOMBRA PARA AS MESAS DE ESTEIRO

Finalmente, a un rogo presentado polo Bloque para dotar de sombra ás mesas da zona recreativa de Esteiro, o goberno local respondeu afirmativamente. Negouse, en cambio, a que se dixitalizara a reserva das infraestruturas deportivas do municipio, como a piscina ou a pista de pádel, tal e como pedía a formación frontista.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here