InicioM.ambiente e PatrimonioCeleiro mostra o seu fastío e reclama ás administracións que axilicen o...

Celeiro mostra o seu fastío e reclama ás administracións que axilicen o saneamento da ría

A veciñanza reclamou a substitución do emisario que verte augas fecais no estuario e que se aclaren as dúbidas sobre a praia urbá, con analíticas encontradas sobre a calidade das augas

Publicada o

- Advertisement -

A veciñanza de Celeiro expresou este luns o seu fastío cunha concentración fronte á praia para reclamar ás administracións o saneamento da ría de Viveiro, cun emisario submariño roto que verte desde hai anos augas residuais sen depurar sobre o estuario, a uns metros do porto.

O detonante da protesta foi a última consecuencia -e tamén unha confirmación- deste problema medioambiental. Nas últimas semanas, as análises da calidade da auga puxeron en dúbida a aptitude para o baño do areal urbán de Celeiro, que o Concello mantén aberto pero coa recomendación de que os usuarios non o utilicen ata que analíticas máis exhaustivas ofrezan un veredicto positivo.

CONVENIO ASINADO DESDE 2016

A veciñanza reclama ás administracións local, autonómica e central que axilicen unha obra para a que a Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular (PP), e o Concello de Viveiro, onde manda o PSdeG-PSOE, asinaron un convenio no 2016 cun orzamento de tres millóns. O Goberno galego, con competencia directa neste ámbito, dispón de 2,4 millóns de euros asignados procedentes de fondos europeos sempre que remate as actuacións antes de decembro de 2020.

FONDOS EUROPEOS EN RISCO

O proxecto conta con dúas partes. Unha delas, o saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), está elaborada, mentres que a ampliación da EDAR de Viveiro fica en proceso de elaboración, pero ambas actuacións están aínda por licitar, o que fai temer aos viveirenses pola perda da achega de Bruxelas.

POLÉMICA ENTRE CONCELLO E XUNTA

Ao longo dos últimos anos, Xunta e Concello acusáronse mutuamente de torpedear a obra. O goberno local urxiu en varias ocasións ao Executivo autonómico a actuar e asegura que se lle require “nova documentación” cada vez que o saneamento da ría volve ao debate público, mentres que desde o Goberno galego atribúen ao executivo municipal que “non asumiu as súas responsabilidades” no tocante a “axilizar” a documentación que lle corresponde.

“Queremos que se poñan de acordo, que se deixen de pasar a pelota”, expón Nuria Pino, que exerceu de voceira da plataforma veciñal que convocou á concentración, á que asistiron membros de todas as forzas políticas da corporación de Viveiro -o goberno socialista, Partido Popular (PP), Por Viveiro, Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Son Viveiro-, así como representantes da confraría de pescadores e de Puerto de Celeiro.

Pino, natural de Celeiro e que volve todos os veráns á súa vila natal, asegura se trata dun problema que “excede aos usuarios da praia. Temos un problema medioambiental moi gordo e estamos aquí, contra ninguén e a prol da ría“, explica, para engadir que “temos que reunirnos para unha nova reivindicación, porque isto non vai quedar aquí”.

A voceira do colectivo asegura que, nunha conversa con ela, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, relativizou “un problema gordo. Dixo que o emisario leva dous anos roto e que os vertidos son simplemente diarreas“, lamenta, para argumentar que “se na miña casa hai unha fuga nunha tubería, non a deixo estar sen arranxar dous anos”.

“Hai unha subvención da Unión Europea cun prazo de execución. Por que non se fai esa obra, onde vai ir ese diñeiro?”, pregunta.

PRESIÓN VECIÑAL

Virgina Mariño, que acode habitualmente á praia cos seus fillos, atribúe a responsabilidade “directa” do atraso do saneamento de Viveiro “á Xunta, que ten a potestade e os fondos”, aínda que reclama ao Concello “unha maior presión. A xente está indignada; hai un tubo con augas fecais vertendo directamente ao centro da dársena, que en inverno é coma un géiser“, expón, para subliñar que “ata agora non había esta presión veciñal” para reclamar solucións.

PROMESAS INCUMPRIDAS

Na fartura da veciñanza de Viveiro, que xa demostrara unha colecta de sinaturas iniciada polo BNG, tamén pesan as promesas que resultaron papel mollado. En 2011, logo de que no 2010 a Unión Europea impuxese unha sanción por contaminación e instase ao Estado a sanear a ría, a Xunta anunciou un investimento de cinco millóns de euros para realizar as actuacións en 2015, ano no que Greenpeace declarou o estuario “punto negro“. Un ano máis tarde, rebaixou o orzamento a tres millóns.

A finais do pasado mes de outubro, o propio Goberno galego anunciou que licitaría en seis meses -é dicir, en abril- as obras de saneamento e as actuacións entraron mesmo na campaña electoral, cando o candidato e actual concelleiro do Partido Popular (PP), Óscar Rodríguez, comprometeu a principios do pasado mes de maio a licitación do proxecto en cuestión de “días”.

A EDAR, DEFICIENTE

“Dependemos dos políticos”, resume Andrés Díaz, que explica que “temos dous problemas. Un, o emisario que está roto e o que sae por aí. Se o emisario vertese auga ben depurada, a contaminación sería mínima. Pero a depuradora non funciona como debera. Cartos hainos, queremos que as administracións se xunten e ata que non traian unha solución non hai nin pan nin auga”, afirma.

PREXUDICA Á PESCADA DO PINCHO, PRODUTO ESTRELA

Díaz sinala un dos problemas da contaminación na ría, e é que Puerto de Celeiro ten que filtrar a auga para poder lavar con garantías a pescada do pincho, sostén económico e sinal de identidade da vila. “Estamos filtrando auga contaminada, non deberamos ter que filtrar a auga para limpar un peixe de tanta calidade”, indica.

Pola súa banda, Seve Salgueiro sinala que o tubo “rompeu varias veces ao longo de sete ou oito anos, e que tras varios arranxos rachou ata hoxe hai alomenos tres anos”. Sinala que o emisario é “o máis visible” dun problema medioambiental, “porque non se cumpre a normativa europea de augas residuais urbás”.

LOUREIRO: “O CONCELLO TEN TODO EN REGRA”

A alcaldesa, a socialista María Loureiro, admite que o problema medioambiental da ría é “grave e urxente”. A rexedora, que di non eludir “responsabilidades” nin botar “balóns fóra”, remarca que o Concello “presentou toda a documentación en tempo e forma. Fixemos xestións en Madrid, con Costas do Estado, e en Santiago de Compostela para desbloquear esta cuestión. A obra e a licitación dependen da Xunta”, salienta.

Preguntadas por este tema, fontes da Xunta de Galicia aseguraron que “non hai novidades” sobre a licitación do proxecto e aseguraron que o delegado territorial está “disposto” a manter unha reunión coa plataforma veciñal para explicar a situación.

A ÚLTIMA ANÁLISE DA PRAIA, O PASADO DOMINGO

Respecto da praia, a última analítica do Servizo Galego de Saúde (Sergas) mostrou unha baixada de 2.000 a 740 bacterias EColi na praia de Celeiro con respecto da anterior proba, e o interococo intestinal tamén se reduciu de 500 a 42. Con todo, ante a ambivalencia dos resultados, o Concello optou por recomendar non bañarse mentres toma outras mostras.

Pino asegura que “non queremos medias tintas, queremos saber se podemos bañarnos“, e resume o sentir da veciñanza. Mariño, que lembra que a praia de Celeiro “ten moita vida” e é un areal polo que se loitou moito, houbo que parar as máquinas porque se quería facer unha escollera“, cre que a decisión do Concello supón “eludir a responsabilidade e deixar aos usuarios como culpables do que poida pasar”.

Na mesma idea insiste Salgueiro, que sinala que “se as analíticas da auga dan EColi, iso é un indicador. Onde hai esas bacterias pode haber hidromeninxite, por exemplo”, expón.

Loureiro defende a postura do goberno local. “As analíticas deron resultados variables ata en tres ocasións. Os veciños están preocupados, diante desa preocupación recomendamos non bañarse e seguimos a facer probas. As últimas deron ben, dentro dos parametros normais, pero queremos asegurarnos. Fixemos o domingo outra e estamos esperando o resultado, que se saberá esta semana“, precisa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...