A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mostrouse optimista respecto de que a vertedura de xurro detectado no río Eo non acabe afectando as zonas de marisqueo da vertente galega.
Quintana explicou que desde o momento no que se tivo coñecemento da vertedura os axentes de Gardacostas de Galicia están a vixiar a zona desde terra, á vez que os biólogos do Intecmar están a tomar mostras da auga.
“Se se detectase algunha situación de risco, por suposto, prohibiriamos a extracción de bivalvos por contaminación”, apuntou a titular de Mar.
Tamén revelou que o servizo de Gardacostas realizou un voo sobre a zona afectada para avaliar desde o aire unha posible afección. “A sensación que temos por agora é de que non vai afectar“, apuntou.
A conselleira lembrou que nestes momentos está prohibida a extracción de bivalvos na desembocadura do río Eo pero non por contaminación, senón “porque non se axustaba ao plan de explotación“. E anunciou que no momento no que as mariscadoras fosen traballar intensificaranse as mostraxes para comprobar se existe ou non afección.
EN MAREA PIDE A DEPURACIÓN DE RESPONSABILIDADES
Pola súa parte, os deputados do grupo mixto Davide Rodríguez e Paula Vázquez Verao anunciaron que levarán ao Parlamento galego a vertedura ao Eo.
En Marea explica que “os casos de contaminación por xurros non son novos” e pedirán a Xunta que elabore “un decreto, de obrigado cumprimento, para regular estes residuos agrogandeiros”. Ademais, demandarán ao Goberno galego “que investigue e depure responsabilidades sobre o acontecido”
O vertido chegou ao río Eo tras a rotura nunha tubaxe dunha balsa de xurro da explotación gandeira na madrugada do pasado sábado ao domingo, na parroquia de Guiar, no municipio asturiano de Vegadeo.