Augas de Galicia promete á veciñanza o inicio da ampliación da EDAR de Viveiro en abril

A directora do ente hidráulico asegura que, de aprobarse o proxecto este mércores no pleno e recibir a documentación, levará as obras ao Consello da Xunta o vindeiro 12 de setembro

Reunión entre os representantes da Xunta e a plataforma veciñal celeirense. AXM

Augas de Galicia comprometeu ante a veciñanza de Celeiro o inicio da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Viveiro nun prazo de seis meses -en abril, ao rematar o prazo de presentación de ofertas a finais de outubro- se este mércores se aproba no pleno o proxecto, cuxo prazo de exposición pública rematou o 21 de agosto. Deste xeito, as obras estarían rematadas no 2021.

A directora do ente hidráulico, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, reuníronse este luns na Delegación de Pesca coa plataforma veciñal Pro Celeiro, que nas últimas semanas manifestouse contra a contaminación da ría de Viveiro, que conta cun emisario submariño roto que verte augas fecais ao estuario, procedentes dunha depuradora de funcionamento deficiente.

Gutiérrez prometeu que, de aprobarse no pleno o proxecto de ampliación da depuradora e recibir a documentación correspondente, levará o plan ao Consello da Xunta do 12 de setembro, e asegurou que a obra se licitaría e iniciaría nun prazo de seis meses.

DEZAOITO MESES DE EXECUCIÓN

A execución dos traballos, cun investimento total de 3,9 millóns de eurosrequeriría de 18 meses, unha vez formalizado o contrato.

Segundo a Xunta, a EDAR permitirá tratar a totalidade dos caudais de augas residuais xerados no municipio, incorporando os procedentes da rede de Celeiro, á vez que se dá solución aos problemas detectados na actual planta, pois a capacidade de depuración real era menor da prevista. As novas instalacións soportarán un caudal punta de ata 800 metros cúbicos por hora.

Augas de Galicia asegurou que xa dispón de todos os informes sectoriais precisos para acometer estas obras, “o que supón un paso moi importante para axilizar todos os trámites, só á espera de completar a documentación municipal pendente”, afirma Gutiérrez.

O Executivo autonómico considera que, coa obra prevista no sistema de depuración, poderase obter unha mellora significativa da calidade da auga, que se traduciría tamén no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro. A contaminación microbiolóxica do areal foi a pinga que fixo rebordar o vaso e que esgotou a paciencia da veciñanza, que iniciou os actos de protesta.

O EMISARIO, EN REDACCIÓN

No tocante ao emisario roto, ubicado practicamente no centro da ría, a directora de Augas de Galicia asegurou que a Xunta está “redactando o proxecto técnico, que completará unha vez conten co resultado das probas de prospección arqueolóxica que realizaron buzos especializados. Unha vez listo, remitirase ao departamento estatal de Costas, que debe autorizalo para que o Goberno autonómico poida iniciar o proceso de contratación de obra”, afirmou.

UN TANQUE DE TORMENTAS, MEDIDA DE URXENCIA

Segundo asegurou a responsable do ente autonómico, “a Xunta tamén ten deseñada unha folla de ruta para o caso de que a obra de substitución do emisario se enroque pola falta de autorización de Costas”, indicou Gutiérrez. Neste caso, “sen necesidade do permiso, incluiría unha seria de melloras técnicas inmediatas, que inclúen a construción dun tanque de tormentas e a mellora da capacidade de bombeo e de rego“.

No tocante á substitución do emisario roto, a Xunta non falou polo momento de prazos nin de licitación nin de execución.

A PLATAFORMA ESTARÁ “DETRÁS DE CADA PASO”

A plataforma veciñal asegura que estará “pendente” de que se cumpra a palabra dada polos representantes do Executivo autonómico na tarde deste luns. O colectivo anuncia máis actos reivindicativos, aínda que por agora non concreta datas.

“Dixéronnos que o diñeiro para a obra da EDAR está listo, que xa se falara co interventor e que todo está correcto. Así que vixilaremos que se aprobe no pleno, que agardamos que sexa un trámite, que se remita á Xunta a documentación e que se leve o proxecto ao Consello da Xunta o 12 de setembro. Estaremos detrás de cada paso“, indica Nuria Pino, voceira do colectivo.

Ademais, este luns a plataforma emitiu un comunicado no que remarcou o seu carácter “apartidario, que non apolítico, pois a política é a ferramenta da que nos valemos en democracia para a defensa do ben público ou común. E a ría é un ben público, de todos e de todas”, expuxo, para concluír que a súa é “unha reivindicación cívica, transversal e plural, porque somos conscientes de que é así como a poderemos conseguir”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here