Vilaronte celebrará este sábado o seu patrimonio cun roteiro e a proxección dun documental

As catro asociacións da parroquia focega convidan a coñecer o seu rico pasado industrial

Vilaronte ten un rico pasado como parroquia e tamén como municipio. AXM

O sábado 28 de setembro, Vilaronte vivirá unha xornada divulgativa sobre o patrimonio desta parroquia do municipio de Foz. Organizan a cita a totalidade das asociacións da parroquia (A. C. O Castro, Asociación de Veciños e Consumidores de San Xoán, A. C. O Atrio e A Pomba do Arco).

Ás 16.00 horas comezará un roteiro (desde o campo da feira da Espiñeira) que percorrerá espazos como as antigas minas romanas, as vellas caleiras e a fábrica de cal da Goleta.

Os colectivos que organizan o evento destacan que A Espiñeira “foi nos anos finais do século XIX e comezos do XX un dos grandes pulmóns industriais e comerciais do concello de Foz, onde destacaban a actividade mercantil ligada á feira e as comunicacións, os estaleiros de Barbeito ou a mercantil Electra del Masma, propiedade de Xosé Reimunde e Damián López”.

A visita continuará polo barrio das Charelas, “auténtica xoia da arqueoloxía industrial”, cos restos do antigo complexo industrial impulsado por López. “A carón dos antigos serradoiros da compañía, destinado fundamentalmente á produción de táboa para ser utilizada nas explotacións mineiras de Asturias, atópanse aínda os talleres mecánicos da importante flota de camións da empresa, as vivendas dos directivos, a enfermaría da fábrica e a caldeira de coxeneración empregada para ofrecer enerxía ao centro de traballo”, expoñen os organizadores.

MUNICIPIO INDEPENDENTE ATA 1839

Nesta parte do traxecto tamén se comprobarán exemplos de arquitectura indiana que dan fe da importancia da emigración.

Finalemnte visitaranse as mostras máis destacadas das construcións relixiosas ou a sé da antiga casa do concello de Vilaronte até a súa integración en Foz, no 1839.

FILM DO 1946

Á conclusión do roteiro, sobre as 19.00 horas, o local da asociación cultural O Castro acollerá a proxección dun filme documental de 1946 centrado no complexo industrial de Damián López. Trátase dunha película dirixida polo cineasta madrileño Carlos Boué, con carácter publicitario para a empresa. Anotan ata este xoves nos teléfonos 608.555.010 e 636.587.098, con prazas limitadas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here