InicioM.ambiente e PatrimonioO Museo do Mar celebrará os seus 50 anos cun tributo a...

O Museo do Mar celebrará os seus 50 anos cun tributo a Rivera Casás e ás mulleres da pesca

A vicepresidencia da Deputación prepara un acto de homenaxe para o vindeiro venres e un programa de actividades que se estirará ao longo deste ano e o seguinte

Publicada o

- Advertisement -

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística, prepara un amplo programa de actividades para celebrar o 50 aniversario do Museo Provincial do Mar de San Cibrao.

Coincidindo coa efeméride, o vindeiro venres desenvolveranse os actos conmemorativos da creación do museo, que naceu o 11 de outubro de 1969 na escola unitaria da localidade cun patrimonio inicial formado pola colección do mestre Francisco Rivera Casás.

O docente e mailo antigo alumnado serán homenaxeados durante a xornada, na que tamén se incorporarán ao Museo os traballos de investigación de Chema Leal Bóveda e Xoán Ramón Fernández Pacios en relación ó papel da muller no mundo do mar, na Mariña Lucense e noutras rías, especialmente no ámbito das industrias pesqueiras.

PROGRAMA DO VENRES

O programa do venres, que iniciará un ciclo de actividades que durará máis dun ano, estará artellado en torno ao legado das mulleres do mar.

Así, ás 16.30 horas haberá un parladoiro entre Javier Rivera, Encarna Lago González e Silvia Fiallega Lorenzo sobre o tema ‘Da escola de Don Francisco a un museo de todxs e para todxs. As facedoras de mundos. 50 anos do Museo Provincial do Mar. 15 anos de xestión como museo‘.

Äs 19.00 horas será a quenda de Leal, profesor da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Máster en Xestión do Patrimonio Cultural. O docente ofrecerá unha charla sobre as mulleres no mar Cantábrico, que completará Fernández Pacios – licenciado en Xeografía e Historia e coidador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo– a partir das 20.30.

XORNADAS DE INTERCAMBIO E CONVIVENCIA

Arredor do cincuenta aniversario, desenvolverase o programa ‘Un museo para 15 concellos. Viaxes de ida e volta‘, que pretende renovar os lazos entre a pinacoteca e a comunidade dos municipios mariñaos.

A partir do vindeiro venres e ata decembro de 2020, celebraranse diferentes xornadas de intercambio e convivencia para poñer en valor a riqueza patrimonial dos diferentes concellos a través dos axentes e colectivos culturais locais.

OS MAIORES E A MEMORIA ORAL, A DEBATE O 15-O

O 15 de outubro, o programa xirará sobre os maiores, que protagonizarán un parladoiro. O Club Sénior da Rede Museítica falará da memoria oral e a importancia do patrimonio inmaterial.

O 30-N, HOMENAXE Á ANTIGA ESCOLA

Daquela escola a un museo: un mar de cultura‘ é o título da xornada do 30 de novembro, na que os veciños de San Cibrao, aproveitando a festividade de santo André, en tempos a máis popular da vila, queren lembrar e homenaxear a tódalas persoas que fixeron parte na historia do noso museo cando aínda era colexio.

A INCLUSIÓN OU A EMIGRACIÓN, TEMAS DE DECEMBRO

O 3 de decembro, Ángeles Miguélez ofrecerá a charla O museo inclusivo‘, coa presenza dos colectivos para a discapacidade da Mariña.

O día 12, o arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza pronunciará a conferencia ‘O porto da Atalaia. De Bayona a Baiona‘.

O 13 de decembro, os cronistas oficiais de Viveiro, Carlos Nuevo; de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, e de Mondoñedo, Antonio Reigosa, dialogarán coa Historia e as historias do Mar da Mariña de fondo.

O 18 dese mesmo mes, o encontro versará sobre a emigración, cunha xuntanza coa comunidade migrante na Mariña.

Ademais, presentarase o proxecto ‘Microhistorias de ida e volta‘, da fotógrafa e deseñadora Evelin Ruíz Crego. É unha viaxe ao pasado e ao presente a través dos recordos e historias persoais da vida de mulleres emigrantes galegas e cubanas. É un rescate das súas testemuñas, dos seus propios relatos migratorios e de imaxes que reflexan os seus recordos, sentimentos e vivencias.

Sala da caza da balea. AXM

REFERENTE DA DIVULGACIÓN DA CULTURA MARIÑEIRA

O Museo Provincial do Mar reflicte a historia e a vida mariñeira da costa lucense, coa súa riqueza biolóxica e etnográfica, e organízase en catro seccións.

Na primeira faise lembranza da escola, uso orixinal do edificio e xermolo do museo. Noutro espazo un motor a vapor simboliza o corazón do museo, e xunto a el expóñense testemuñas gráficas da memoria histórica relacionada co mar.

A segunda céntrase na carpintería de ribeira en San Cibrao, tipoloxías construtivas e modelos de barcos, con réplicas a escala de navíos que tiveron especial relevancia, representativos da longa tradición de construtores de barcos que se remonta ao século XIV.

CAZADORES DE BALEAS

Barcos de madeira e de ferro, de cabotaxe, embarcacións de vela, cachemaríns, faluchos ou pataches, grandes embarcacións de remo, coma os traiñóns ou as chalupas, que se empregaban tanto para a caza da balea como para a pesca da sardiña. Na sección ‘A arte de marear: buscando o norte‘, amósanse instrumentos náuticos, pezas procedentes de rescates subacuáticos.

A terceira sala céntrase nos oficios do mar (pescantinas, redeiras, cordoeiros) e nas artes e aparellos de pesca, unha mostra de fauna mariña, esqueletos totais ou parciais de animais mariños. Na sala cuarta, a historia da caza e os restos óseos das baleas son os protagonistas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...