Trinta familias poderán participar nun proxecto “pioneiro” de compostaxe comunitaria en Mondoñedo

A Xunta instalou preto da estación de autobuses oito compostadoras para ensaiar unha iniciativa á que se sumaron o Concello e un supermercado local

Cruz Ferreira e Candia, xunto a área de compostaxe comunitaria. AXM

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha en Mondoñedo un proxecto demostrativo e pioneiro de compostaxe comunitaria dirixido a núcleos rurais e que busca a implicación tamén de grandes xeradores de residuos orgánicos asimilables aos domésticos. Precisamente, o Concello xunto cun supermercado local comprometéronse xa a participar no proxecto, que aspira a implicar tamén activamente a unha trintena de familias.

Con este obxectivo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, procedeu á instalación no municipio dunha área de compostaxe comunitaria integrada por oito compostadoras dun metro cúbico cada unha, con capacidade para asumir os residuos orgánicos xerados por ata 31 familias da contorna máis un supermercado próximo.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, visitaron este mércores a nova zona de compostaxe comunitaria, localizada ao carón da estación de autobuses, co fin de coñecer os detalles da iniciativa.

REUNIÓN INFORMATIVA

Aqueles fogares situados na área de influencia deste punto recibirán unha carta para invitalos a participar voluntariamente na iniciativa. De feito, a primeira reunión informativa celebrarase esta tarde no centro comarcal de Mondoñedo co fin de explicarlles aos veciños en que consiste o proceso de compostaxe e as principais vantaxes da súa implantación.

As familias que se animen a participar recibirán de balde un caldeiro de 10 litros para facilitar a separación dos residuos orgánicos que xeren nas súas casas e achegalos á área de compostaxe comunitaria. Pola súa banda, o supermercado recibirá un contedor de 60 litros para a recollida dos residuos que xere pola súa propia actividade. Durante as semanas sucesivas á implantación do proxecto realizaranse visitas de seguimento por parte de persoal técnico especializado para asegurar o correcto funcionamento do proceso así como para facer os reforzos formativos necesarios a todos os usuarios.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here