A revista Nature Communications publicou o pasado luns un estudo impulsado pola organización Climate Central no que asegura que a partir do 2050 determinadas zonas costeiras do planeta -nas que viven 300 millóns de persoas- inundaranse se non se toman medidas de contención da auga, como diques e muros. O mapa interactivo presentado permite comprobar que zonas da Mariña Lucense teñen risco potencial de inundación, entre as que destacan Celeiro, Viveiro e Covas, O Vicedo ou San Cibrao, así como Foz.
O informe conclúe que o nivel do mar seguirá a aumentar polo desxeo nos polos, o que podería afectar a zonas como Doñana ou o Delta do Ebro.
VIVEIRO
En Viveiro, sería zona potencialmente inundable o porto deportivo Marina Viveiro, parte da Avenida Ramón Canosa -onde está o centro de saúde– e da zona máis inmediata do barrio do Lodeiro, unha das áreas de maior expansión do núcleo nas últimas décadas, gañando espazo ao mar desde principalmente os anos 80.
Segundo o estudo, tamén podería ter problemas con marea alta a zona do peirao vello, onde se ubica o aparcadoiro de Portos de Galicia trala demolición das naves, así como o Paseo do Inxeñeiro Martín Ledesma, pasada a Ponte da Misericordia, onde se sitúan o Ceip Lois Tobío e o IES María Sarmiento.
En Celeiro, a subida do nivel do mar afectaría á zona do porto sur e á última parte da Avenida Ramón Canosa, onde está a piscina municipal chegando ata a Escola Oficial de Idiomas, así como ao recinto onde se celebra o Resurrection Fest.
Outra das zonas máis afectadas segundo o estudo sería Covas, especialmente a zona do paseo marítimo onde tamén se gañou espazo ao mar no século pasado e onde nos últimos anos houbo problemas malia os trasvases de area realizados. Boa parte da ampla oferta de hostalería da zona así como as vivendas das rúas máis próximas á praia semiurbana quedarían ao nivel do mar ou por debaixo del.
O VICEDO
No Vicedo, estarían en risco de inundación zonas habitadas do núcleo urbán cercanas ao mar como parte da Rúa do Porto, Camiño á Praia de Fomento ou Vías e Obras Provinciais, onde o centro de saúde.
CERVO
Na península de San Cibrao, no municipio de Cervo, a marea alta podería rebasar boa parte do paseo marítimo, aínda que en principio sen chegar ás casas da Avenida da Mariña. Nas rúas Fontiña e Viela, entre a praia de Cubelas e a área coñecida como O Lugar, si podería haber problemas, así como na parte máis apegada ao porto da Atalaia.
XOVE
En Xove, a zona máis afectada sería a de Lago, cunha marea alta que podería alcanzar a área empresarial.
BURELA
En Burela, a zona inundable fai referencia ao porto, desde o último treito da Avenida da Mariña e tamén na área da lonxa.
FOZ
En Foz, o nivel do mar subiría desde a Punta das Malates ata a zona máis inmediata do porto, afectando a parte das vivendas e negocios situadas na área do cruzamento da rúa Asteleiros coa avenida Valle Inclán.
Na desembocadura do Masma, entre Foz e Barreiros, o nivel do mar chegaría a superar a N-642 até alcanzar case o polígono industrial barreirense.
RIBADEO
Finalmente, en Ribadeo o impacto limitaríase aos peiraos de Mirasol (comercial) e Porcillán (deportivo). Rinlo si podería ter problemas na zona do peirao da Enseada da Areosa.
EMISIÓNS DE GASES DE EFECTO INVERNADOIRO
A investigación prevé un aumento do nivel do mar significativo de continuar sen restricións as emisións de gases de efecto invernadoiro, ás que atribúe o cambio climático; deste xeito, a solución proposta por Climate Central para evitar inundacións é respectar o Acordo de París -que fixa como obxectivo a baixada da temperatura media do planeta- e reducir as emanacións.