Covas, O Vicedo, San Cibrao: as zonas urbanas mariñás en risco de inundación para 2050

O mapa interactivo de Climate Central permite comprobar as áreas da Mariña que poderían padecer a subida do nivel do mar de continuar o cambio climático

Praia de Covas. TURISMO DE GALICIA

A revista Nature Communications publicou o pasado luns un estudo impulsado pola organización Climate Central no que asegura que a partir do 2050 determinadas zonas costeiras do planeta -nas que viven 300 millóns de persoas- inundaranse se non se toman medidas de contención da auga, como diques e muros. O mapa interactivo presentado permite comprobar que zonas da Mariña Lucense teñen risco potencial de inundación, entre as que destacan CeleiroViveiro e Covas, O Vicedo ou San Cibrao, así como Foz.

O informe conclúe que o nivel do mar seguirá a aumentar polo desxeo nos polos, o que podería afectar a zonas como Doñana ou o Delta do Ebro.

VIVEIRO

En Viveiro, sería zona potencialmente inundable o porto deportivo Marina Viveiro, parte da Avenida Ramón Canosa -onde está o centro de saúde– e da zona máis inmediata do barrio do Lodeiro, unha das áreas de maior expansión do núcleo nas últimas décadas, gañando espazo ao mar desde principalmente os anos 80.

En vermello, zonas en risco potencial de inundación en 2050 en Viveiro se as emisións de efecto invernadoiro medran como até agora. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

Segundo o estudo, tamén podería ter problemas con marea alta a zona do peirao vello, onde se ubica o aparcadoiro de Portos de Galicia trala demolición das naves, así como o Paseo do Inxeñeiro Martín Ledesma, pasada a Ponte da Misericordia, onde se sitúan o Ceip Lois Tobío e o IES María Sarmiento.

En Celeiro, a subida do nivel do mar afectaría á zona do porto sur e á última parte da Avenida Ramón Canosa, onde está a piscina municipal chegando ata a Escola Oficial de Idiomas, así como ao recinto onde se celebra o Resurrection Fest.

Celeiro. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

Outra das zonas máis afectadas segundo o estudo sería Covas, especialmente a zona do paseo marítimo onde tamén se gañou espazo ao mar no século pasado e onde nos últimos anos houbo problemas malia os trasvases de area realizados. Boa parte da ampla oferta de hostalería da zona así como as vivendas das rúas máis próximas á praia semiurbana quedarían ao nivel do mar ou por debaixo del.

Covas. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

O VICEDO

No Vicedo, estarían en risco de inundación zonas habitadas do núcleo urbán cercanas ao mar como  parte da Rúa do Porto, Camiño á Praia de Fomento ou Vías e Obras Provinciais, onde o centro de saúde.

O Vicedo. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

CERVO

Na península de San Cibrao, no municipio de Cervo, a marea alta podería rebasar boa parte do paseo marítimo, aínda que en principio sen chegar ás casas da Avenida da Mariña. Nas rúas Fontiña e Viela, entre a praia de Cubelas e a área coñecida como O Lugar, si podería haber problemas, así como na parte máis apegada ao porto da Atalaia.

San Cibrao. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

XOVE

En Xove, a zona máis afectada sería a de Lago, cunha marea alta que podería alcanzar a área empresarial.

Lago. San Cibrao. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

BURELA

En Burela, a zona inundable fai referencia ao porto, desde o último treito da Avenida da Mariña e tamén na área da lonxa.

Burela. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

FOZ

En Foz, o nivel do mar subiría desde a Punta das Malates ata a zona máis inmediata do porto, afectando a parte das vivendas e negocios situadas na área do cruzamento da rúa Asteleiros coa avenida Valle Inclán.

Foz. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

Na desembocadura do Masma, entre Foz e Barreiros, o nivel do mar chegaría a superar a N-642 até alcanzar case o polígono industrial barreirense.

Ría de Foz. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

RIBADEO

Finalmente, en Ribadeo o impacto limitaríase aos peiraos de Mirasol (comercial) e Porcillán (deportivo). Rinlo si podería ter problemas na zona do peirao da Enseada da Areosa.

Ribadeo. ©GOOGLE/CLIMATE CENTRAL

EMISIÓNS DE GASES DE EFECTO INVERNADOIRO

A investigación prevé un aumento do nivel do mar significativo de continuar sen restricións as emisións de gases de efecto invernadoiro, ás que atribúe o cambio climático; deste xeito, a solución proposta por Climate Central para evitar inundacións é respectar o Acordo de París -que fixa como obxectivo a baixada da temperatura media do planeta- e reducir as emanacións.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here