Ribadeo busca a 160 donos de fincas para que cumpran a lei de incendios

O BOE publica a relación dos 160 propietarios de parcelas que o Concello non localizou

Os propietarios das fincas afectadas teñen ata o 31 de maio para cumprir a lei de incendios. FARO NORTE

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe unha listaxe cos 160 donos de terreos que o concello de Ribadeo non foi quen de localizar para solicitarlles que cumpran coa Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais. O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, urxe aos propietarios a que limpen as súas fincas e deixen unha faixa de protección de alomenos 50 metros nas zonas cercanas vivendas. Así o estipula a ordenanza municipal que tenta afastar a masa forestal dos núcleos de poboación, e que se basa nos requisitos establecidos pola normativa autonómica. 

O rexedor lembra a estas persoas que o 31 de maio remata o prazo voluntario para estar en regra coas condicións da lei autonómica de incendios. “A partir desa data enviaranse requerimentos formais a todos aqueles donos de parcelas que fixeran caso omiso das nosas solicitudes”, asegura o alcalde de Ribadeo. Daquela, os afectados terán “un prazo de quince días para cumprir coas súas obrigas. O seguinte paso será ben expedientes de sanción, ben execucións subsidiarias con repercusión dos custos aos propietarios”, conclúe Suárez Barcia.

O ALCALDE LEMBRA QUE O PRAZO VOLUNTARIO PARA ESTAR EN REGRA COA NORMATIVA REMATA O 31 DE MAIO

O representante do goberno local explica que “houbo unhas 160 persoas ás que non poidemos enviar o requerimento voluntario porque non tiñamos datos abondos, ou porque non figuraban correctamente no Catastro, ou porque as nosas cartas viñeron devoltas, ou porque os propietarios eran descoñecidos, estaban ausentes ou faleceran. Entón decidimos dar un paso de notificación pública a través do BOE, de xeito que ninguén se poda chamar a equívoco”, remata.

SEN RESPOSTA DA XUNTA

O rexedor ribadense quéixase da actitude de Alberto Núñez Feijóo. “Quero dicir unha vez máis que as nosas sucesivas comunicacións ao presidente da Xunta de Galicia non tiveron resposta”, asegura. “Remitímolas co obxectivo de que el dea as instrucións pertinentes á Consellería de Medio Rural para que, en atención á propia lei, os técnicos forestais nos axuden, chegado o caso, a determinar quen cumpriu e quen non en canto ao retranqueo dos eucaliptos ás vivendas”, lembra Suárez Barcia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here