InicioM.ambiente e PatrimonioO BNG de Mondoñedo esixe convocar a mesa para o proxecto de...

O BNG de Mondoñedo esixe convocar a mesa para o proxecto de reforma da Praza da Catedral

Os nacionalistas reclaman ao Concello que cumpra un acordo plenario e permita aos colectivos sociais analizar o documento e propór alegacións "co tempo suficiente"

Publicada o

- Advertisement -

O voceiro do BNG de Mondoñedo, Eloi Cabanas, pídelle ao goberno municipal que convoque “canto antes” a mesa de traballo comprometida o pasado mes de decembro para analizar o proxecto de reforma da Praza da Catedral.

Cabanas reclama ao executivo mindoniense que “non maree máis a perdiz” e esixe “axilidade” á alcaldesa, a popular Elena Candia, “para que a veciñanza e colectivos interesados saiban con tempo suficiente os pormenores do proxecto e poidan estudalo para logo, se é o caso, formular alegacións ou propoñer cambios a un documento, que segundo indica, está nun estado de tramitación “moi avanzado”.

“A ALCALDESA PUXO O CARRO DIANTE DOS BOIS”

“O proxecto de reforma da praza conta con informe favorable da Comisión de Patrimonio e só lle falta a resolución definitiva do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para que este poida ser financiado a cargo da partida do 1,5% cultural para a conservación do patrimonio arquitectónico”.

O voceiro do BNG considera que se a alcaldesa tivera vontade de sacar o proxecto a exposición pública para consultalo coa veciñanza, este xa debera ser exposto formalmente unha vez redactado e non agora cando ten os informes sectoriais favorables para poder executar as obras de reforma da praza.

“A alcaldesa puxo o carro diante dos bois, e antes de envialo ao Ministerio primeiro habería que expoñelo ao público para presentar unha proposta o máis consensuada por todos”, argumenta.

Cabanas apunta que hai un acordo plenario promovido polo BNG para que o proxecto sexa posto a exposición pública, acordo que a alcaldesa emendou coa proposta de crear unha mesa de traballo aberta ao público para analizar o proxecto e estudar as modificacións propostas na praza. “Incluso ese día se fixara unha data de celebración da reunión para o pasado 7 de decembro que non se chegou a realizar e da que non soubemos nada máis”, precisa.

CABANAS TEME QUE SE USE O COMPROMISO DE FINANCIAMENTO COMO “UN ELEMENTO DE CONVICCIÓN”

Ante esta tardanza e “logo das declaracións vertidas en prensa fai uns días na que a alcaldesa declaraba que estaba buscando ideas para reformar a Praza da Catedral”,  Cabanas pensa que todo se está convertendo nun “paripé” por que o proxecto xa foi redactado e enviado no mes agosto do 2019 ao goberno do Estado para buscar a financiación.

“Esperemos que non se estea agardando polo compromiso firme de financiación do Ministerio para empregalo despois na mesa de traballo como un elemento máis de convicción e non deixemos pasar a oportunidade de facer a reforma da praza unha vez que teñamos partida económica asegurada”, indica Cabanas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...