CxG Burela propón crear unha comisión para poñer en valor os topónimos do litoral

A formación pide que se elabore un libro para compilar os nomes, ademais de audioguías para os turistas e de material didáctico para espallar o coñecemento entre os escolares

Ruta xeolóxica na Igrexa de Coeda. CONCELLO DE BURELA

Compromiso por Galicia (CxG) Burela propuxo a creación dunha comisión de traballo con xente coñecedora dos topónimos do litoral do municipio, para recoller nomes propios e identificar os lugares, a fin de que se publique en formato libro unha compilación dos mesmos. A formación tamén suxire que se elabore unha audio-guía explicativa para turistas e visitantes, e que se fomente este coñecemento entre os escolares cun material didáctico, como mellor forma de asegurar o uso destes termos no futuro.

“É unha singularidade do noso idioma e tamén unha forte mostra de identidade o poñer nome a lugares e cousas que facían os nosos devanceiros, esta situación é moito máis significativa nas contornas litorais e ribeiras do noso país. Case cada pedra e cada singularidade xeolóxica teñen un nome propio. Era o sistema utilizado para dar indicacións de pesca ou mesmo de acontecementos e tamén para delimitar propiedades“, argumenta CxG.

PATRIMONIO INMATERIAL

“Esta riqueza da lingua estase a perder co pasamento das persoas maiores de cada lugar e pensamos que corresponde aos poderes públicos preservar esta singularidade para que non se perda tan importante patrimonio inmaterial“, indica o partido, que considera que “con pouco investimento” pódese “garantir a continuidade da tradición, xerando tamén un atractivo turístico, se cabe máis singular en Burela pola riqueza xeolóxica que supón desfrutar de dous tipos distintos de Costa, singularidade que ben seguro tamén recolle a toponimia”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here