“Vías a ilusión da xente cando o ouro brillaba na batea”

O obradoiro de bateo de ouro organizado en Alfoz por Mariña Patrimonio xuntou a 30 persoas

Participantes nun obradoiro de bateo de ouro de Mariña Patrimonio. MP

Igual hai 2.000 anos que ninguén bateaba nesta zona”, ri Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, asociación que impulsou o pasado martes un obradoiro de bateo de ouro no río Ouro ao seu paso por Alfoz, en colaboración co xeólogo Fran Canosa.

“20 AREÍÑAS”

Quen sabe canto tempo despois, un total de 30 persoas retomaron a tarefa nun taller que foi un éxito non só pola afluencia de xente -cubríronse todas as prazas ofertadas-, senón pola satisfacción das mesmas. Os bateadores de Mariña Patrimonio foron capaces de atopar 20 areíñas do metal. “Nada que ver coas películas de vaqueiros nas que sacan pepitas”, chancea Miranda, “pero a verdade é que se notaba a ilusión cando comezaba a brillar o ouro na batea”.

A BISBARRA, POTENCIA AURÍFERA

A intención do obradoiro é, ademais de entreter, dar a coñecer o pasado da Mariña como potencia aurífera. No 2013, nunha recollida de setas, os membros da asociación toparon co que parecía un castro. “Atopamos un foxo e un parapeto. Logo, oito máis”, expón Miranda. Resultou ser unha mina de ouro romana (“Forno dos Mouros”) entre A Espiñeira e a desembocadura do Masma, inventariada pola Dirección Xeral de Patrimonio.

a mina romana que se extende entre a espiñeira e a desembocadura do masma é “das meirandes de galicia”

Daquela dicíannos que estabamos tolos porque, malia a descuberta de moitos torques, coma o de Burela, dicíase que na Mariña non había ouro”, asegura Miranda. Ata que o especialista Santiago Ferrer veu á bisbarra e convenceuse. “Segundo nos dixo, a mina pode ser das máis grandes e mellor conservadas de Galicia. Un investigador alemán do século XIX que visitou a nosa terra chegou a conclusións parecidas”, apunta.

Nenos e adultos participaron no taller. MP

TOPONIMIA

Os nomes dos lugares da zona contradicían as conclusións dos especialistas: Areoura, O Perdouro, Granda do Ouro, O Valadouro. O ano pasado, os membros de Mariña Patrimonio seguiron o mapa da toponimia. “Fixemos bateos en todos estes sitios e atopamos areas de ouro en todos eles”, sinala Miranda, que advirte de que “houbo minas de ouro por toda a bisbarra; na Senra, en Cervo, en Ribadeo, Trabada e A Pontenova. É un potencial a coñecer”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here