A Xunta afirma que o vertido en Covas de area dragada conta “con todas as garantías ambientais”

Ante a "preocupación" da veciñanza, o Concello pedirá os informes do programa de vixilancia ambiental e o BNG alerta de posibles afectacións á captación de auga e recursos pesqueiros

Vertido da area dragada sobre a praia de Covas, na zona dos Castelos. FACEBOOK

Portos de Galicia remarcou este luns que os traballos de dragaxe do peirao pesqueiro de Celeiro e do porto deportivo de Viveiro están a desenvolverse “en condicións de absoluta normalidade e con todas as garantías ambientais”. Fíxoo despois de que tanto o Concello como o BNG requerisen información sobre o vertido dos residuos resultantes no proceso na praia de Covas, que desde hai anos vén padecendo a escaseza de area.

A formación nacionalista solicitara información ao Concello “sobre as medidas de control medioambiental, de calidade do dragaxe e vertido na praia de Covas, dentro do seu ámbito de competencias”, dado que a zona de dragaxe “leva décadas exposta a importantes niveis de contaminación” sexa polas “actividades portuarias -aceites, combustíbeis, pinturas, plásticos-” como “polos vertidos en varios puntos da zona do porto deportivo e cun emisario con con diferentes roturas entre Viveiro e Celeiro“.

OS NACIONALISTAS PIDEN “ACTUACIÓNS DE CONTROL” INDEPENDENTES

A edil do grupo frontista, Míriam Bermúdez, asegurou que a dragaxe se trata “dunha actuación necesaria”, pero matizou que “o vertido de area na praia de Covas deberá exixir dun escrupuloso seguimento medioambiental e de calidade por parte do Concello, pois as obras poderían afectar a puntos de captación de auga e aos recursos marisqueiros e pesqueiros“.

Bermúdez solicitou información sobre “se o Goberno municipal designou, tras a comunicación de inicio da obra, a persoal técnico para realizar un seguimento medioambiental, dentro do ámbito das súas competencias”. Ademais, pediu “actuacións de control independentes“.

O CONCELLO REALIZA “XESTIÓNS DE SEGUIMENTO”

Pola súa banda, o Concello asegurou trasladarlle ao ente portuario autonómico a “preocupación” da veciñanza polas imaxes da draga vertendo material na praia de Covas.

Segundo concretou a alcaldesa, a socialista María Loureiro, a técnica municipal de Medio Ambiente achegouse ata o areal para comprobar a evulución das obras, que “conlevan a tramitación dun expediente moi amplo, no que se inclúen autorizacións sectoriais e gran cantidade de analíticas de control medio ambiental previas”.

Loureiro concretou que o proxecto das obras inclúe un programa de vixilancia ambiental “no que se realiza unha avaliación pormenorizada do antes, durante e despois das obras”, e expuxo que o goberno local solicitará “que se nos remitan os informes medioambientais que se emitan por parte dos técnicos competentes”.

A rexedora salienta que o Concello “non ten competencias con respecto á vixiancia ambiental” desta obra, pero “é evidente que se trata dunha actuación que nos preocupa e con respecto á que seguiremos a realizar as xestións de seguimento, como as realizadas no día de hoxe, de cara a constatar por parte da administración promotora o cumprimento dos parámetros establecidos no propio proxecto”, finalizou.

TRES PUNTOS DE DEPÓSITO DE RESIDUOS

A través dun comunicado de prensa, Portos de Galicia sostén no tocante aos puntos de depósito empregados que son “os autorizados polos organismos competentes e concretamente por Costas do Estado“.

“Neste caso, tal como recolle o informe favorable da Capitanía Marítima de Burela, o depósito dos materiais extraídos divídese en tres puntos do seguinte xeito: 37.000 metros cúbicos de material de categoría A -a de maior calidade ambiental- deposítanse na zona denominada Viveiro Zona B, en augas interiores; 9.000 metros cúbicos de material desta mesma categoría apórtanse ao areal da praia de Covas; e 6.000 metros cúbicos de material de categoría B, a segunda en criterio positivo de calidade, deposítanse no punto denominado Burela Exterior, en augas exteriores”, resume o ente portuario da Xunta de Galicia.

PORTOS ASEGURA QUE “NON EXISTE MATERIAL DE CALIDADE AMBIENTAL DEFICIENTE”

Portos de Galicia fai fincapé en que “os estudos ambientais determinaron que non existía material de deficiente calidade ambiental nesta obra”.

No que respecta ao traslado de area dragada á praia de Covas, o procedemento conta con autorización “do Servizo Provincial de Costas de Lugo, nun informe con data 8 de agosto de 2018”. Con todo, expón Portos de Galicia, repetíronse “os estudos da calidade da area para dragar en marzo deste mesmo ano cos mesmos resultados”. Deste xeito, argumenta, “a obra permite non só a recuperación do calado necesario nos portos de Viveiro senón que contribúe á rexeneración do areal de Covas, seguindo as indicacións do Ministerio de Medio Ambiente”.

“ESTE VERÁN” PODERÍAN REMATAR TRECE ANOS DE RECLAMACIÓNS

A obra, que consta cun millón de euros de orzamento e que a Consellería de Infraestruturas prevé rematar “este verán“, permitirá a extracción de 45.000 metros cúbicos de áridos dos fondos mariños dos peiraos de Viveiro, recuperando así o calado ata a cota -8 en determinadas zonas, como reclamaban o sector náutico e mailo pesqueiro desde 2007.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here