A diversidade de fauna e flora do Xistral, nun xogo de cartas

Investigadores do Campus de Lugo da USC elaboraron "unha alternativa apropiada" para dar a coñecer as especies nos centros educativos e alertar das que están en perigo

Cartas do xogo. AXM

Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñaron un xogo de cartas didáctico e plurilingüe para dar a coñecer as diversas especies de flora e fauna que confirman a “rica diversidade” da Serra do Xistral, dentro do proxecto europeo Life in Common Land, ademais de avisar sobre os principais perigos que ameazan o seu futuro.

O xogo de cartas foi ideado polo enxeñeiro de montes pontevedrés -e técnico deste proxecto europeo- César Agustín Branco Arias, aínda que foi realizado grazas á colaboración dos profesores e investigadores dos departamentos de Botánica e Produción Vexetal da USC, Ramón Díaz Varela e Emilio Díaz Varela, respectivamente.

Segundo a universidade, trátase dunha “alternativa apropiada” para achegar a biodiversidade da Serra do Xistral ás aulas dos centros educativos, como primeiro paso para fomentar a conservación deste enclave natural único, que pertence á Rede Natura 2000.

Ocupa unha superficie de 5.000 hectáreas nos municipios lucenses de Abadín, Alfoz, Cervo, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, Ourol, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove, ademais das Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here